Steven Enoch: “Non podo estar máis contento de que a miña primeira experiencia profesional sexa no Obra. Foi unha decisión fácil”

O plantel do Monbus Obradoiro vai tomando forma e unha das últimas incorporacións ao proxecto obradoirista foi a de Steven Enoch, pívot de 2,08 metros e 22 anos que procede da Universidade de Louisville.

O xogador realizou as súas primeiras declaracións como obradoirista e quixo comezar dando as grazas “ao Monbus Obradoiro e a todo o staff técnico por darme esta oportunidade. Non podo estar máis contento de que a miña primeira experiencia profesional fora do meu país sexa no Obra. Foi unha decisión fácil”.

Sobre a súa forma de xogo, Enoch destacou que “gústame ser intenso en defensa, taponar, correr dun lado a outro da pista en contraataque, lanzar triplos e anotar desde dentro da pintura.”.

O xogador confesa non coñecer persoalmente a ningún xogador que pasase antes polo club ao que pedir referencias, “pero morro de ganas de estar xa en Santiago e de coñecer aos meus compañeiros. O adestrador explicoume a cultura do club e da cidade, para que me fixese unha idea de como será todo. Cre que vivirei unha gran experiencia. Aseguroume que o club coidará do meu en todo o que necesite. Despois de escoitar isto, teño moitas ganas de chegar e que xoguemos un gran baloncesto todos xuntos”.

ARRIBA