O Monbus Obradoiro ficha a Albert Oliver para os próximos dous meses

O Monbus Obradoiro chegou a un acordo con Albert Oliver para a súa incorporación ao equipo durante os próximos dous meses.

Este base de 1,87 metros e 42 anos disputou a súa última tempada no Real Betis, onde promediou 5.6 puntos (47.8% en tiros de dous, 38.8% en triplos e 91.7% en libes) e 2.1 asistencias en 14.0 minutos.

Actualmente atopábase realizando a pretemporada co Herbalife Gran Canaria, club no que completou seis das súas dezaoito tempadas na ACB.

Internacional Absoluto por España, tamén defendeu as cores do Manresa, Valencia, Estudantes e Joventut.

“Albert é un base que require de poucas presentacións. Dentro das circunstancias concretas nas que nos atopamos, consideramos que, por riba de calquera valoración técnica, trátase dun xogador que pode sumar cousas ao equipo e axudar a que sexa máis competitivo neste inicio de Liga Endesa”, afirma o director xeral do club, José Luis Mateo.

O xogador aterrará en Santiago hoxe e está previsto que se poña ás ordes de Moncho Fernández o vindeiro luns, tras as pertinentes probas médicas.

ARRIBA