O Monbus Obradoiro despídese da pretemporada con vitoria ante o RETAbet Bilbao Basket celebrado en Oviedo (69-76)

O Monbus Obradoiro clausurou os seus compromisos de pretemporada cunha vitoria fronte ao RETAbet Bilbao Basket (69-76), nun partido que tivo lugar no Polideportivo Pumarín ‘Luís Riera Posada’.

Ausencias de xogadores

Ambos os equipos afrontaron o encontro coa ausencia dalgún dos seus xogadores. Os obradoiristas viaxaron a Oviedo sen unha das súas novas incorporacións, a de Jake Cohen, que se atopa en EEUU polo nacemento da súa filla; sen Albert Oliver, que non viaxou por protocolo e que se incorporará ao grupo tras as probas médicas pertinentes; e sen Kartal Ozmizrak, ao sufrir unha escordadura con rotura de ligamentos no seu nocello dereito.

Por parte dos homes de negro, foi Balvin o que quedou fóra da convocatoria.

Intensidade desde o minuto un

Se hai un aspecto que caracterizou este amigable foi o altísimo nivel de intensidade adquirido por ambos os equipos desde o primeiro minuto de partido. Os obradoiristas comezaron a conseguir unha lixeira vantaxe no marcador grazas aos movementos interiores de Birutis e aos puntos desde o exterior dun motivadísimo Mike Daum.

Neste primeiro cuarto, Robertson, que foi o último en incorporarse ao conxunto galego, gozou dos seus primeiros minutos coa camiseta obradoirista. Así, os de Moncho Fernández conseguiron rematar o primeiro cuarto cunha lixeira vantaxe (16-23).

Descoidos e precipitación

No segundo tempo, os obradoiristas tiveron uns minutos de descoidos e precipitacións, xerando perdas de balón que lles custarían puntos en contraataque no outro lado da pista. Pero, no ecuador do cuarto, os de Moncho Fernández conseguiron reaccionar para controlar a situación e recuperar a concentración. Foi Mike Daum quen se botou o equipo ás costas para manter ao seu equipo por diante no marcador ao chegar ao descanso (36-39). O á-pivote americano anotara xa nese momento 19 dos 26 puntos totais.

Reacción vasca

Pero se algo caracteriza ao RETAbet Bilbao Basket é a súa capacidade para subir o nivel de intensidade un banzo cando menos o esperas. E así o fixeron. O partido converteuse nun tira e afrouxa constante no que ningún dos dous equipos conseguía separarse no marcador. Birutis seguía atopando o seu oco na pintura, complementándose con Mike Daum.

Foi neste terceiro cuarto cando os de Mumbrú conseguiron poñerse por diante no marcador pola mínima. Pero apareceu Pozas cun triplo sobre a bucina para devolver a vantaxe ao seu equipo (58-59).

Boa xestión dos minutos finais

A igualdade mantívose durante o último cuarto no marcador. Pero os obradoiristas souberon xestionar ben os minutos finais e un triplo de Robertson a falta de 3 minutos puxo ao seu equipo sete puntos por encima (64-71). Os de Moncho Fernández mantiveron a súa intensidade en defensa, pelexando cada un dos balóns e, a pesar de que os vascos foron achegando no marcador, foi Mike Daum o que sentenciou o partido anotando dous tiros libres, para obter a vitoria por 69 a 76.

Por diante, unha nova semana de traballo para preparar a estrea do equipo na Liga Endesa, o vindeiro sábado 19 de setembro, ás 18:00 horas, para recibir ao Urbas Fuenlabrada no Multiusos Fontes do Sar.

 

FICHA TÉCNICA 

RETAbet Bilbao Basket 69: Rouselle (2), Jones (6), Kulboka (2), Serron (4) e Zyskowski (8) – quinteto inicial -, J. Brown (11), Betolaza (-), Rigo (-), Reyes (-), Dos Anjos (6), Hakanson (19) e K. Moses (11).

Monbus Obradoiro 76: Pozas (8), Beliauskas (7), Czerapowicz (2), Daum (26), Birutis (11) – quinteto inicial – Muñoz (1), García (-), Enoch (9), Robertson (8), Suárez (4), Martín Fernández (-) e Cubero (-).

Parciais: 16-23, 36-39, 58-59 e 69-76.

ARRIBA