O Monbus Obradoiro – Acunsa GBC será o partido dedicado a ‘El Camino acaba en Obradoiro’

O Monbus Obradoiro continúa inmerso na semana de adestramentos para preparar o encontro do sábado, ás 20:45 horas (Movistar Deportes 1 – Dial 54), no que recibirá ao Acunsa GBC e que estará dedicado ao proxecto ‘El Camino acaba en Obradoiro’.

Esta mañá presentáronse os detalles deste partido dedicado e o club proxectou en primicia o tráiler do documental desta sexta edición, con José Manuel Calderón como protagonista, precisamente coincidindo co día do seu debut en ACB, hai 20 anos.

O director xeral do Monbus Obradoiro, José Luis Mateo, explicou que “normalmente facemos coincidir este partido dedicado coa presentación do documental, no que homenaxeamos ao protagonista, pero nesta ocasión as circunstancias fixeron que a estrea se teña que aprazar, pois queremos que Sar tribute a José Manuel o aplauso que se merece. Si teremos as contraprestacións especiais que irán destinadas ao Camiño de Santiago, nos soportes dixitais do partido a través das diferentes canles do club e na propia retransmisión televisiva, que chegará aos máis de 140 países nos que a día de hoxe pódese ver a Liga Endesa”.

Mateo quixo poñer en valor “o feito de realizar este verán o Camiño de Inverno nestas circunstancias. José Manuel e todo o equipo, que marchou con el desde Monforte ata a Praza do Obradoiro, deron unha lección do que proclamamos son os valores do Camiño e do deporte, que estou convencido de que se poderá apreciar no documental. Sen dúbida, vai ser moi difícil superarse, e por iso estamos xa traballando na próxima edición, nun ano tan importante para Galicia, que celebra o seu Ano Santo, e para o club, que celebra o seu 50 Aniversario. Grazas a Turismo de Galicia por compartir esta visión co club e apoiar o proxecto desde o primeiro día”.

Á rolda de prensa non quixo faltar a directora de Turismo, Nava Castro, quen detallou que “o deporte ten unha vinculación moi clara co Camiño de Santiago. E é o que estamos a apoiar desde hai anos a través de distintas accións promocionais como esta, que ten os propios valores que emanan do Camiño de Santiago. O espírito de superación, a solidariedade ou o altruísmo forman parte intrínseca da actividade deportiva e das peregrinacións a Compostela. Por iso, desde a Xunta de Galicia é moi importante seguir apoiando esta iniciativa na que se fusionan estas distintas actividades. Hoxe presentamos unha das accións de promoción do roteiro xacobeo máis importante das que estamos a desenvolver anualmente, dada a calidade dos xogadores que participan nela e tamén pola transcendencia mediática do seu paso polas distintas etapas do Camiño. O equipo do Monbus Obradoiro entendeu que, a través do Plan Director do Camiño desde o que se quixo promocionar as distintas variantes do Camiño, podíano facer tamén cos propios xogadores convidados a facer ese Camiño, o que termina en Obradoiro”.

Sobre o protagonista, Nava Castro destacou que “Calderón é un gran xogador e para nós foi un luxo contar este ano con el para poder promocionar o Camiño. É unha pena non poder facer esta presentación do documental, pero chegará o momento e estaremos todos pendentes para ter a oportunidade de velo. Agora tócanos entrar xa nese Ano Santo, despois da espera de 11 anos, coa expectación dunha gran celebración. Loxicamente haberá unha gran celebración, pero con distintos tipos de actividades. Desde a Xunta de Galicia e desde Turismo co Xacobeo 2021, estamos a traballar para reformular todas aquelas actividades que queremos seguir facendo. Vai ser un ano especial, por suposto, pero o que pretendemos desde o Xacobeo 2021 é seguir sendo un referente internacional cheo de valores”.

ARRIBA