Moncho Fernández: “O Acunsa GBC é un equipo polivalente e que está moi ben aproveitado”

O Monbus Obradoiro recibe en Sar este sábado, ás 20:45 horas, ao Acunsa GBC, nun partido que estará dedicado ao proxecto ‘El Camino acaba en Obradoiro’ (Movistar Deportes 1 – Dial 54).

O técnico obradoirista, Moncho Fernández, atendeu aos medios para falar do seu próximo rival: “As virtudes adóitanas representar os seus xogadores. No caso de Acunsa GBC ten dous ‘5’ que o están facendo moi ben e ten xente con experiencia e calidade no perímetro. Creo que souberon atopar unha repartición dos roles moi claro e que os xogadores que disputan máis minutos están a aproveitalos moi ben. Ademais, creo que, dentro da súa plantilla, o adestrador está a saber xogar e manexar estruturas moi diferentes en función do que lle convén, desde xogar con dous xogadores máis pequenos, con dous ‘4’ no xogo interior que case poderían xogar de ‘3’, como son Radoncic e Will Magarity. Cando lles interesa xogan con xogadores máis grandes, con Pere Tomás no ‘3’”.

Moncho destacou que “GBC volve ser un equipo polivalente e que está moi ben aproveitado. No partido imos atopar esas distintas estruturas que ademais lle dan diferente repertorio táctico, tanto no defensivo como no ofensivo”.

Preguntado pola actuación de Jaime Echenique, o adestrador compostelán destacou que “é un xogador que ten un bo xogo de costas ao aro, e habilidoso nas accións de bloqueo directo, tamén é capaz de abrir o campo. É capaz de tirar de tres e anotar. Está a facelo moi ben e irá a máis”.

Parte Médico HM Hospitales: Kartal Ozmizrak continúa de baixa ao estar a se recuperar dunha escordadura con rotura de ligamentos no nocello dereito. Mike Daum sufriu unha escordadura no seu nocello esquerdo a pasada semana e aínda non puido adestrar co equipo.

ARRIBA