Solvente triunfo do Monbus Obradoiro ante Acunsa GBC (85-76)

O Monbus Obradoiro continua na zona nobre da clasificación, prolongando o seu bo inicio de curso. O combinado de Moncho Fernández bateu ao Acunsa GBC nun partido dominado desde o primeiro minuto.

Os santiagueses suman catro vitorias en cinco partidos, con tres de tres no Fontes do Sar.

Un arranque fulgurante

Quizais por ser o partido dedicado a unha nova edición de ‘El Camino acaba en Obradoiro’, o equipo fixo bo aquilo de que “se fai camiño ao andar”. O Monbus Obradoiro fixo camiño desde o minuto 1, cando empezou dominando cunha acción ao poste de Birutis (sacou dúas faltas en apenas un par de minutos a Echenique), distanciouse no marcador cun 8-0 de arranque e estirou a diferenza ata os 12 puntos, para acabar o cuarto vencendo con comodidade ao Acunsa GBC (22-12).

Foi un cuarto no que o Monbus Obradoiro defendeu con moita intensidade e xogou con intelixencia en ataque, de novo comandado por Pepe Pozas, sólido na dirección, que regalou varias asistencias sensacionais aos seus compañeiros. O base malagueño, de novo foi referente ao temón, acabou con 7 puntos e outras tantas asistencias.

Foi un cuarto no que contribuíron a lanzar ao equipo os Laurynas. Os lituanos volveron render a un nivel destacable. Beliauskas, especialmente acertado ao principio, rematou con (10 puntos), e Birutis repetiu como MVP (20 puntos, seis rebotes, 27 de valoración).

Xestión das diferenzas

Pese ao fulgurante inicio de partido obradoirista, o Gipuzkoa Basket tivo a virtude de non claudicar. Os vascos non sacaron en ningún momento a bandeira de rendición, e trataron por todos os medios de volver ao partido, remando contracorriente, tratando de achegarse ao equipo santiagués no marcador.

Puideron achegarse ata os seis puntos no segundo cuarto, pero o Monbus Obradoiro nunca dubidou, e cada vez que o elenco gipuzkoano poñíase a rebufo, volvía tomar as rendas para distanciarse no luminoso.

Foi a tónica do resto da noite. Cada achegamento do GBC era respondido con bos minutos dos mozos de Moncho Fernández para abrir brecha. Así, o Monbus Obradoiro puido irse relativamente tranquilo ao descanso, escapouse por encima dos 15 puntos no terceiro cuarto, e xestionou ben os tempos no tramo final.

O traballo no rebote

Pese ao bo arranque de competición, nos primeiros partidos da tempada, o Monbus Obradoiro sufrira co rebote. Non foi así contra o Acunsa GBC, porque o cadro santiagués aplicouse e batallou cada rexeite. O Monbus Obradoiro sumou 38 capturas polas 23 dos vascos. Especialmente notables foron os 9 rebotes en ataques dos locais, que protexeron moi ben o seu aro, e só permitiron cinco segundas oportunidades ao equipo de Marcelo Nicola.

Birutis estivo enorme (seis rebotes), pero non foi o único. Fajouse na pintura Enoch, con sete capturas, e volveu mostrar a súa mellor versión Chris Czerapowicz, que se apuntou oito. Dignos de mención son os cinco rebotes de Pozas ou os tres de Beliauskas. Un traballo en equipo que permitiu cimentar a vitoria obradoirista.

Soldado Czerapowicz

Chris Czerapowicz é un xogador de equipo. Un aleiro discreto, que habitualmente fai un traballo sucio, en ocasións imperceptible, pero que resulta imprescindible para explicar os triunfos do Monbus Obradoiro. Contra o GBC, o sueco volveu asinar un deses partidos de moito esforzo e traballo, exemplificado nos oito rebotes, pero tamén en intanxibles que non aparecen nas estatísticas. Estivo omnipresente no terceiro cuarto para espolear ao seu equipo, leu moi ben o partido cando se emparellou con Francis achegándose ao aro, e acabou con 10 puntos, infalible no tiro de 2.

Esforzo en defensa

A vitoria galega fundamentouse tamén no esforzo defensivo. O Monbus Obradoiro tivo tramos moi serios na retagarda, que nublaron as ideas ao GBC e que permitiron abrir distancias. Os cambios en defensa, as axudas e, en varios momentos, o traballo en transición, resultaron vitais.

Neste sentido, estivo brillante Álex Suárez. Saíndo desde o banco, baleirouse con tres recuperacións, dúas delas cortando contraataques, coas que impediu a reacción do GBC. Ademais, Suárez, non tremeu en ataque, con pleno de acerto en triplos (3 de 3).

Así, o Monbus Obradoiro apuntouse a cuarta vitoria do curso, a terceira no Fontes do Sar, e recupera a senda do triunfo despois de 14 días sen baloncesto.

Agora os obradoiristas afrontan dúas semanas de máxima esixencia, sen tempo apenas para saborear o triunfo: o martes visitan ao Real Madrid (21:15 horas), o domingo toca viaxar ás Illas para medirse ao Herbalife Gran Canaria (13:00 hora peninsular) e o martes, de novo entre semana, o Monbus Obradoiro volve ao Fontes do Sar para xogar contra o Valencia Basket (21:15 horas).

Íñigo Caínzos – Obradoiro CAB

 

FICHA TÉCNICA

Monbus Obradoiro 86: Pozas (7), Beliauskas (10), Czerapowicz (10), Cohen (2), Birutis (20) – quinteto inicial – Muñoz (7), Oliver (0), Rafa García (-), Enoch (2), Daum (-), Robertson (16) e Suárez (11).

Acunsa GBC: Dee (9), Francis (13), Span (3), Radoncic (12), Echenique (6) – quinteto inicial – Okouo (8), Faggiano (5), Oroz (6), Motos (-), Magarity (6), Olaizola (0) e Tomás (8).

Árbitros: Daniel Hierrezuelo, Martín Caballero e Alfonso Oliveirais.

Parciais: 22-12, 20-23, 27-18 e 16-23.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 6 da Liga Endesa, disputado no Multiusos Fontes do Sar, a porta pechada.

ARRIBA