O Monbus Obradoiro – Hereda San Pablo Burgos será o Partido Patrocinado por Kemegal, novo membro do Club de Empresas Obradoiro

Nesta tempada tan especial, na que o Monbus Obradoiro cumpre 50 anos desde a súa fundación, son moitas as empresas colaboradoras e patrocinadoras que manteñen o seu apoio.

Con todo, tamén hai outras que, a pesar da situación actual, deciden dar o paso e sumarse á familia obradoirista, como é o caso de Kemegal, empresa de Vilagarcía de Arousa que se dedica á fabricación de produtos químicos para a industria destinados á limpeza e hixiene en xeral, o tratamento de chans e mantemento industrial.

Así o anunciou en rolda de prensa o director de márketing do Monbus Obradoiro, Daniel Agra, quen explicou que o partido deste sábado ante o Hereda San Pablo Burgos estará patrocinado por Kemegal.

Daniel Agra deu a benvida á familia obradoirista a Miguel Ángel García, director xeral da empresa, e destacou que “este é un acordo moi importante para nós por vincularnos con novas empresas que deciden apostar polo deporte. Compartimos moitos valores con Kemegal. O primeiro deles é que é unha empresa galega e iso quere dicir que en Galicia temos moito potencial e Kemegal é un claro exemplo. É unha empresa formada por mozos profesionais altamente cualificados e apostan precisamente por esa mocidade e incentivan a formación continua dos seus traballadores. É unha empresa innovadora e concienciada co medio ambiente e que leva anos vinculada ao mundo do deporte e ao baloncesto en concreto. Quero dar as grazas a Miguel Ángel e ao seu equipo. Para nós é moi importante este acordo porque seguimos sumando empresas ao proxecto obradoirista e seguimos celebrando así o noso aniversario”.

Miguel Ángel García, director xeral do Kemegal, explicou que “hai moitos anos que temos implantado un sistema de responsabilidade social empresarial e desde hai xa tempo vimos participando activamente con iniciativas deportivas. De feito, durante o últimas catro tempadas fomos patrocinadores do Club Cortegada (Liga Feminina 2) e encántanos formar parte destas iniciativas e poder asociar os valores do deporte á nosa empresa e marca”.

O representante de Kemegal confesou que “persoalmente me encanta o baloncesto e os meus fillos xogan a este deporte. Por iso, poder formar parte da familia do Obra e pertencer a un club como este, que tan importante é para o baloncesto galego e español, é un orgullo para nós”.

ARRIBA