Laurynas Birutis foi elixido Xogador Estrella Galicia de Outubro

O xogador do Monbus Obradoiro Laurynas Birutis recibiu o trofeo ao Xogador Estrella Galicia do mes de outubro do Monbus Obradoiro, primeiro premio que entrega a empresa cervexeira esta tempada.

A afección obradoirista, do mesmo xeito que en tempadas anteriores, é a encargada de votar ao seu candidato favorito a través das redes sociais. Así, o 49,4% dos afeccionados votaron a Laurynas Birutis, mentres que houbo empate entre os outros dous candidatos, Pepe Pozas e Kassius Robertson, polos que votou un 25,3% a cada un.

O xogador declarou no acto de entrega que “é xenial poder sentir desta forma o apoio da afección tanto para min como para o equipo. As circunstancias non permiten que nos acompañen e apoien no pavillón, pero fano cada día a través das redes sociais. E, polo menos, é incrible poder recibir ese agarimo”.

O pívot obradoirista deixou claro que “non estaría a recibir este premio se non fose polos meus compañeiros de equipo e os adestradores, e o gran esforzo que facemos entre todos por tentar ser cada día mellores”.

Birutis, que sufriu unha escordadura de nocello a pasada semana, será dúbida para o próximo compromiso do equipo, este sábado recibindo ao Hereda San Pablo Burgos. Sobre o rival, o xogador destaca que “é un gran equipo, que conta con grandes tiradores e cuxo xogo está moi ben organizado. Para facernos coa vitoria necesitamos cometer moi poucos erros, facer un gran esforzo en defensa e, en ataque, ser intelixentes e conter as perdas de balón”.

ARRIBA