Wonder Nutrición Santiago cede ao Monbus Obradoiro bicicletas para que os xogadores se exerciten desde casa

Wonder Nutrición Santiago, membro do Club de Empresas Obradoiro, que colabora co equipo coa suplementación deportiva a través da súa marca ETERNITY, quixo mostrar o seu apoio ao equipo, ao continuar illados nos seus domicilios tras a detección de positivos no club.
Luís Pernas, un dos tres socios da compañía, explicou que “desde WONDER non só apoiamos a nivel nutricional ao equipo, senón que cando se nos necesita estamos aí sempre para darlles soporte aos seus adestramentos. Neste caso fixémolo achegando esas bicicletas para manter a boa firma física dos xogadores nestas circunstancias e coa App “miEntrenador_Virtual” facendo todo tipo de adestramentos dunha forma divertida desde casa”.
 
O preparador físico do club, Rubén Vieira, confesou que “contar con estas bicicletas axúdanos moito, xa que son un dos poucos medios que nos permiten realizar sesións aeróbicas e anaeróbicas desde casa. Estamos moi agradecidos a Wonder, xa que conseguir material para cada xogador é complexo”.
 
Rubén detallou como se está traballando con cada caso: “O máis importante de todo é individualizar o proceso de recuperación, xa que non vai ser igual para todos. Cada mañá póñome en contacto con cada xogador e pautamos diferentes sesións. No caso dos negativos sen síntomas, realizan un traballo físico xeneral adaptado a cada un deles. En canto aos positivos con síntomas, non realizan ningún tipo de actividade física. Mentres que os positivos que non teñen síntomas realizan unhas tarefas moi suaves en función do seu estado de saúde”.
 
E como se prevé que sexan os próximos días? O preparado físico explicou que “a evolución do traballo marcaránola a sintomatoloxía de cada xogador e, nalgúns casos as probas PCR. Pero o máis importante é coñecer en cada momento o estado de cada xogador. No momento no que empezan a diminuír os síntomas, debemos empezar a pautar exercicio, pero dunha forma moi concreta e, sobre todo, moi progresiva. Neste traballo durante un confinamento debemos individualizar aínda máis se cabe todo o proceso de adestramento, darlle importancia ao traballo neuromuscular, estar pendentes de que as nosas articulacións e tendóns reciban diferentes estímulos e incidir sobre o rendemento cardiovascular”.
 
Xa se cumpriron dez días desde que se detectaron os primeiros casos positivos e, tal e como indica o protocolo acb, comezouse coas primeiras probas PCR para coñecer o estado do persoal.
ARRIBA