O Monbus Obradoiro ficha a Antonis Koniaris

O Monbus Obradoiro chegou a un acordo con Olympiakos e Antonis Koniaris para a cesión do xogador ata o final da presente tempada.

Este base de 1,96 metros e 23 anos disputou un só partido oficial na presente campaña (o club grego soamente participa na Euroliga), mentres que na pasada saltou á pista en 23 ocasións -na mesma competición- cunhas medias de 3.4 puntos, 41.7% en triplos e 1.4 asistencias en 12.9 minutos.

Internacional Absoluto, U20 (ouro no Europeo de Creta’2017), U18, U17 e U16 (bronce no Europeo de Kiev’2013) por Grecia, esta será a súa primeira experiencia fóra do seu país, onde defendeu as cores do PAOK, Panathinaikos e o citado Olympiakos.

“Debido aos problemas de lesións que se acumularon nos xogadores que conforman a dirección do equipo [Ozmizrak, Pozas e García] e ante o calendario cargado de partidos que se nos aveciña, reforzamos o posto cun xogador novo, pero con experiencia no máximo nivel europeo, cuxas condicións físicas capacítano para ser un gran defensor. A súa toma de decisións no bloqueo directo, o feito de poder xogar con outro base e o seu desexo de incorporarse ao noso equipo tamén foron importantes para concretar a operación”, afirma o director xeral do club, José Luis Mateo.

Koniaris desprazarase a Santiago de Compostela durante a próxima semana.

ARRIBA