A falta de acerto no último cuarto penaliza ao Monbus Obradoiro na pista do Casademont Zaragoza (83-70)

O Monbus Obradoiro non conseguiu a vitoria na pista do Casademont Zaragoza despois dun partido intenso e igualado debido á falta de acerto no último cuarto (83-70).

Igualdade no electrónico

O partido correspondente á xornada 23 caracterizouse pola igualdade no marcador. Os de Moncho Fernández conseguiron que o Casademont Zaragoza non marcase o ritmo nin a velocidade que lles caracteriza, sendo capaces de aguantar os empuxes do equipo local.

Daum e Enoch foron os primeiros en sumar ao equipo, anotando entre ambos os puntos do marcador obradoirista ata mediado o primeiro cuarto. Os galegos, que souberon controlar as perdas de balón, fixéronse fortes desde a defensa e conseguían as primeiras rendas (11-16). Pero non durou moito a alegría xa que emerxeu Brussino anotando de forma consecutiva oito puntos e devolver así a igualdade ao marcador.

Esta foi a tónica que se repetiu o resto do encontro: un tira e afrouxa constante no que ningún dos dous conxuntos atopaba a fórmula para despegarse no marcador.

A actuación de Enoch

Steven Enoch conseguiu achegar ao equipo grazas a atopar as vantaxes na pintura, anotando e reboteando. Así, o pívot obradoirista asinou a súa mellor actuación da tempada anotando 18 puntos, sete rebotes, unha asistencia e dous tapóns, para terminar con 24 créditos de valoración.

Brussino guía ao seu equipo

Se Enoch achegaba no conxunto galego, foi Brussino o que se botou ao seu equipo ás costas, imparable desde o tiro exterior para que os obradoiristas non se escapasen no marcador. O arxentino rematou o encontro con 22 puntos, 5 rebotes e unha asistencia para 25 de valoración.

A falta de acerto final

A pesar de non estar acertados desde a liña de 6,75, anotando en todo o encontro 6/30 en triplos (1/15 os escoltas), os obradoiristas chegaron moi vivos ao último cuarto ao seguir atopando as vantaxes na pintura. Os composteláns mantiveron a intensidade e o ritmo e Daum puxo ao equipo por diante a falta de 05:32 (64-66). Pero volveu emerxer Brussino quen, con dous triplos consecutivos lanzou ao seu equipo.

Os obradoiristas, que vían como Harris anotaba un triplo sobre a bucina, non se rendían e tentaban anotar para acurtar a distancia no marcador. Pero o desacerto en varios tiros liberados fixo que encaixase un parcial de 19-4 e a vitoria quedase na pista do Casademont Zaragoza (83-70).

O Monbus Obradoiro pon rumbo directamente a Andorra, onde este martes disputará o partido aprazado correspondente á xornada 17, ás 20:30 horas ante MoraBanc Andorra.

 

FICHA TÉCNICA

Casademont Zaragoza 83: Sulaimon (11), Ennis (12), Barreiro (11), Hlinason (8) e Benzing (1) -cinco inicial-; Javi García (7), Brussino (22), Harris (11), Justiz e Bray.

Monbus Obradoiro 70: Pozas (3), Robertson (8), Daum (10), Cohen (2) e Enoch (18) -cinco inicial-; Koniaris (4), Czerapowicz (5), Beliauskas (4), Birutis (14), Suárez, Muñoz e Oliver (2).

Árbitros: Emilio Pérez Pizarro, Arnau Padrós e Cristóbal Sánchez Cutillas.

Parciais: 23-22, 17-17, 17-18, 26-13.

Incidencias: Pavillón Príncipe Felipe. Vixésimo terceira xornada da Liga Endesa, disputada a porta pechada.

ARRIBA