A defensa obradoirista non foi suficiente para frear ao MoraBanc Andorra (90-71)
- Categoría: NOVAS
- Published: Mércores, 10 Febreiro 2021 08:40

O desacerto penaliza
Viñan os obradoiristas dun partido (na pista do Casademont Zaragoza) no que a falta de acerto penalizounos. E o mesmo sucedeu no inicio do encontro ante MoraBanc Andorra.
Os obradoiristas remataron o partido cun 11/30 en triplos e 13/31 en tiros de dous. Non deixou de tentalo o Monbus Obradoiro a pesar de ver como non lles entraban, pero grazas ao nivel defensivo, mantívose no partido.
Aguante defensivo
Os de Moncho Fernández continuaron mantendo o nivel defensivo que non permitía que os de Ibon Navarro se escapasen a máis de dez puntos. Pero despois de case seis minutos sen anotar desde o inicio do segundo cuarto, os obradoiristas viron como Jelínek ampliaba a vantaxe a favor do seu equipo (28-16).
Un parcial de 5-0 a favor dos locais fixo que o MoraBanc Andorra conseguise a máxima do partido ata ese momento, pero os galegos volveron achegarse tras dous tiros libres de Oliver e un triplo de Beliauskas (33-24).
Tras o paso polos vestiarios, un triplo de Oliver puxo ao seu equipo a tan só seis puntos (33-27), pero un novo arreón andorrano, cun parcial de 10-0, volveu poñer outra máxima do partido (43-27).
Os obradoiristas non se renden
A pesar da distancia no marcador, os de Moncho Fernández continuaron traballando desde a defensa e non se renderon. Foron traballando, aproveitando as vantaxes das faltas sinaladas aos locais e anotando, para poñerse a sete puntos por baixo (46-39). O Monbus Obradoiro seguía vivo.
Arreón final andorrano
E despois de conseguir achegarse, de novo o conxunto de Ibon Navarro, da man de Sergi García e de Senglin, aumentou a diferenza no marcador para rematar o terceiro cuarto cun 57-42, que sentou como un xerro de auga fría sobre os obradoiristas ao pasar de estar no partido para ver como a diferenza volveu aumentar.
Nos minutos finais do encontro, os obradoiristas víronse superados pola cara ofensiva do seu rival e do seu rebote en ataque, facendo moito dano en ambos os aspectos. O Monbus Obradoiro seguiu sen atopar o seu acerto e o partido terminou cun 90-71 no electrónico.
O Monbus Obradoiro ten por diante case 20 días ata o seu seguinte compromiso da Liga Endesa para recuperarse fisicamente tras o parón pola Copa do Rei e as Xanelas FIBA. Así, os obradoiristas non volverán competir ata o domingo 28 de febreiro, día en que recibirán en Sar ao Lenovo Tenerife (12:30 horas).