Cohen, Birutis e Czerapowicz disputarán as Ventanas FIBA coas súas seleccións

O Monbus Obradoiro finalizou a súa planificación semanal de adestramentos. A partir da semana que vén continuará traballando, pero farao sen tres dos seus xogadores, que disputarán as Ventanas FIBA coas súas seleccións.

Os obradoiristas que entre hoxe e mañá viaxarán para reunirse coas súas seleccións son Jake Cohen Laurynas Birutis e Chris Czerapowicz.

Cohen e Israel

A pesar de que a Selección de Israel xa conseguiu a clasificación para o Eurobasket 2022, Jake Cohen e os seus compañeiros desprazaranse a Polonia para xogar contra Romanía e España. O pívot obradoirista confesou estar “emocionado por repetir coa selección. Sempre é unha honra e un privilexio representar a Israel e estou orgulloso de poder volver facelo. Ademais, aínda que xa teñamos a clasificación, será unha gran oportunidade para ser máis fortes e seguir mellorando. Obviamente queremos gañar. Somos competitivos e o noso obxectivo é gañar estes dous partidos. Serán dous novos retos e estamos a desexar conseguilo”.

Birutis e Lituania

No caso da Selección de Lituania, actuarán de anfitrións e enfrontaranse á República Checa e Dinamarca en busca de selar a súa clasificación para o Eurobasket.

Laurynas Birutis destacou que “sempre é unha honra que conten comigo para representar ao meu país. Ademais, será un gran pracer xogar en Lituania. No noso caso, teremos que estar concentrados desde o inicio de cada encontro, atentos a todos os detalles en defensa e ataque, axudándonos os uns aos outros. Temos que disputar ambos os partidos con toda a nosa enerxía e intensidade”.

Czerapowicz e Suecia

Mesmo obxectivo ten a Selección de Suecia de Chris Czerapowicz, que viaxará ata Estambul para enfrontarse a Turquía e os Países Baixos e conseguir selar a súa clasificación.

O aleiro obradoirista explicou que “é unha honra representar ao teu país. Ademais, teño moi bos amigos no equipo e é xenial poder reencontrarme con eles. Somos un grupo moi unido e por iso emocióname aínda máis. En canto aos nosos rivais, son dous grandes equipos. Para poder conseguir as vitorias será importante que xoguemos unidos e limitemos os nosos erros. Teremos que facernos co rebote, controlar o balón e ser consistentes en defensa”.

O regreso da Liga Endesa

O resto do persoal continuará traballando toda a semana con vistas ao esixente calendario que lles espera ao regreso do parón. Así, o Monbus Obradoiro retomará a Liga Endesa con tres partidos como locais en sete días: o domingo 28, ante o Lenovo Tenerife (12:30 horas), o mércores 3 de marzo, ante o Movistar Estudiantes (18:00 horas) e o domingo 7, ante o TD Systems Baskonia (17:00 horas).

Jake detallou que “teremos unha semana esixente no regreso, pero estou convencido de que os meus compañeiros traballarán duro e continuarán mellorando para tentar conseguir máis vitorias”.

Birutis, pola súa banda, comenta que “estivemos traballando duro antes de irnos coas nosas seleccións e teremos algo máis de tempo á volta. Ademais, os nosos compañeiros non descansarán esta semana, así que estou seguro de que todos estaremos listos e sans para afrontar os próximos partidos”.

Chris reafirma a postura do seu compañeiro Birutis e explica que “sabemos que será un regreso esixente ao xogar tantos partidos en pouco tempo, pero será moi motivante para todos. Vivimos para competir e non teño dúbida de que estaremos preparados”.

ARRIBA