Moncho Fernández: “O factor clave de Acunsa GBC é o colectivo”

O Monbus Obradoiro visita esta fin de semana, o sábado ás 20:45 horas, a pista do Acunsa GBC para disputar a xornada 28 da Liga Endesa (Movistar Deportes – Dial 53).

O técnico obradoirista, Moncho Fernández, definiu ao seu próximo rival, o Acunsa GBC: “É un equipo moi reconocible no esforzo. Un equipo que é capaz de gañarlle por 20 a Valencia como o fixeron… Quen vise o partido verá que no aspecto defensivo é un equipo moi solidario, intenso e agresivo. Contan con moi bo 1x1 e, desde aí, o primeiro que tentarán é correr e anotar en accións rápidas. Na media pista é un equipo que sabe perfectamente que vantaxes buscar. Saben o que teñen que facer diante e detrás e iso é o que lles está permitindo que, a pesar da baixa de Echenique, como colectivo incrementasen as súas prestacións e permitiulle gañar varios partidos nas últimas xornadas”.

Preguntado en que cambiou o Acunsa GBC tras a baixa de Echenique, o adestrador galego destacou que “optaron por un perfil de xogador diferente con Carlson e deulles polivalencia. Os números din que hai unha serie de xogadores que xogan máis minutos, pero creo que o factor crave de Acunsa GBC é o colectivo”.

Parte Médico HM Hospitales: Pepe Pozas é baixa ao sufrir unha rotura parcial do tendón rotuliano da súa perna esquerda. O resto de xogadores están dispoñibles para poñerse ás ordes de Moncho Fernández.

ARRIBA