Moncho Fernández: “O rebote, tanto ofensivo como defensivo, vai ser fundamental e será un factor crave”

O Monbus Obradoiro visita esta semana Santa a pista do URBAS Fuenlabrada, o sábado ás 18:00 horas, para disputar a xornada 29 da Liga Endesa (Movistar Deportes – Dial 53).

O técnico obradoirista, Moncho Fernández, definiu ao seu próximo rival, o URBAS Fuenlabrada: “É un equipo moi diferente ao que veu aquí a xogar a principio de tempada. En primeiro lugar, polo cambio de adestrador, co que implica o cambio de sistema e estilo de xogo. Ademais, sufriu remodelacións coa chegada de moitos xogadores como Alexander, Cheatham ou Novak. Foi incorporando xogadores e cambiou o libreto. Será un Fuenlabrada diferente ao que nos enfrontamos na primeira volta”.

O adestrador compostelán destacou que “sabemos que imos enfrontarnos a xogadores que teñen unhas características determinadas e que nos van a esixir moito. Son un equipo intenso porque os seus xogadores o son. Producen moito desde o esforzo defensivo. Outra boa proba desa intensidade é a súa capacidade de rebote de ataque. É un equipo que rebotea enormemente no aro contrario. Alexander, Eyenga ou Meindl son xogadores que cargan o rebote porque son moi fortes. Nótase que é un equipo intenso e desde aí tentan construír. Son moi bos no 1x1 defensivo porque son moi potentes fisicamente. Desde esa defensa tentarán acelerar o ritmo de xogo, xogar máis a campo aberto e ese sempre foi un pouco o estilo de xogo de Fuenlabrada”.

Moncho explicou que “o rebote, tanto ofensivo como defensivo, vai ser fundamental e será un factor crave. É certo que o noso mellor rexistro en rebote foi no último partido, así que espero que o manteñamos. Para poder desenvolver o noso xogo ofensivo vai esixir moito traballo individual porque é un equipo que aperta o balón, as liñas de pase e que rouba moitos balóns en primeira liña se te relaxas. Non vai ser un equipo contemplativo, senón agresivo. E iso vainos a esixir estar a un nivel alto. Temos unha boa mostra no inicio do partido contra o Real Madrid, que nos custou case seis minutos entrar nese partido e cando nos demos conta estabamos 4-20 porque non fomos capaces de desenvolver o noso xogo en ataque. Espero que iso nos sirva de mostra porque o partido en Fuenlabrada váinolo a esixir”.

Parte Médico HM Hospitales: Álvaro Muñoz ten molestias na zona alta do xemelgo, no poplíteo, que non lle permitiu adestrar os últimos dous días. O resto de xogadores están dispoñibles para poñerse ás ordes de Moncho Fernández.

ARRIBA