Moncho Fernández: “O BAXI Manresa é dos equipos que mellor xoga da Liga Endesa”

Será o Partido Patrocinado por ABANCA

O Monbus Obradoiro continúa preparando o seu próximo compromiso da Liga Endesa, este sábado ás 18:00 horas, no que recibirá ao BAXI Manresa (Movistar Deportes 2 – Dial 55), nun partido que estará patrocinado por ABANCA.

O director territorial de ABANCA en Santiago, Juan Carlos Carneiro, comezou detallando que “o Monbus Obradoiro é todo un referente en Galicia para os afeccionados ao baloncesto. Non só representa aos seus miles de seguidores, senón que tamén se converteu nun símbolo da nosa terra a través do deporte. Por iso é un verdadeiro orgullo formar parte desta familia”.

Carneiro continuou explicando que “para nós, comprometernos con este tipo de iniciativas é unha magnífica oportunidade que enlaza coa aposta que realizamos coa promoción do deporte a todos os niveis e pola difusión dos valores ligados á práctica deportiva. Gustaríame destacar o importante labor que desempeñan os clubs como o Obra na promoción do deporte. Sodes un magnífico exemplo e un aliciente para as novas xeracións de deportistas e quero animarvos a seguir loitando por estar no máis alto. E estou seguro de que o ides a conseguir”.

O director de Marketing e Comercial, Daniel Agra, explicou que “o partido desta fin de semana estará patrocinado por ABANCA e así se verá reflectido en todos os soportes dixitais. Trátase dunha activación máis dentro do acordo de patrocinio desta tempada tan especial polo noso 50 aniversario”.

A continuación, o técnico obradoirista, Moncho Fernández, detallou sobre o BAXI Manresa que “o MVP é o equipo. Teñen moitos xogadores bos: Ferrari, Janning, Eatherton, Rafa, Báez… Creo que é un equipo no que todos están moi ben aproveitados e achegan moitísimo. Colectivamente son un dos equipos que anotan máis de dous con canastras asistidas. Iso quere dicir que son un equipo que se pasa o balón e ten que ver co colectivo. No rebote ofensivo e defensivo tamén están a ser un equipo moi solvente”.

O técnico obradoirista insistiu en que ante BAXI Manresa hai que estar moi atento tanto no aspecto ofensivo como defensivo: “Ofensivamente están a un nivel moi alto, cun estilo de xogo moi particular. Para min é dos que mellor xogan da Liga. Teñen moi claras as súas ideas, son capaces de sacar o mellor dos seus xogadores, saben ler perfectamente as complicacións que lles poida expor o rival… É un equipo magnífico”.

Parte Médico HM Hospitales: Pepe Pozas segue sendo baixa ao sufrir unha rotura parcial do tendón rotuliano da súa perna esquerda. O resto de xogadores están dispoñibles para poñerse ás ordes de Moncho Fernández.

ARRIBA