Álex Suárez continuará vestindo a camiseta do Monbus Obradoiro na tempada 2021/22

Álex Suárez seguirá defendendo as cores da camiseta obradoirista na tempada 2021/22.
Este ala-pívot de 2,06 metros e 27 anos chegou ao equipo compostelán o pasado verán e promediou 3.96 puntos (62.5 % en tiros de dous, 38.9 % en triplos e 100 % en tiros libres) e 1.54 rebotes en 15.96 minutos.
 
O xogador declarou que “renovar co Monbus Obradoiro significa ser feliz. Facía moito que non me sentía tan cómodo e contento nun equipo. Seguir era a miña prioridade e teño moitas ganas de gozar dunha tempada con Sar cheo”.
 
Álex explicou que “foi unha tempada atípica e complicada para todos: xogadores, corpo técnico, club, afeccionados, patrocinadores… Pero dentro de todo o ‘malo’ destas complicacións puiden gozar moito do baloncesto e do bo rollo que se respira aquí. Todo o mundo fala da familia do Obradoiro, pero ata que non o vives non te dás conta do a gusto que se esta aquí. E unha gozada”.
 
E, que espera Álex Suárez da tempada 2021/22? “O que máis espero é que volva o público ao pavillón, que a Caldeira poida volver vibrar e que podamos gozar todos xuntos do baloncesto. Hai que seguir facendo as cousas ben para que cando empece a competición podamos estar xuntos celebrando moitas alegrías. Merecémonolo por todo o que estamos a pasar e estou seguro de que gozaremos moito esta tempada”.
 
Porque o xogador obradoirista valora infinitamente o apoio que recibiu o equipo nunha tempada tan complicada, renovando os seus abonos sen poder asistir a Sar: “É algo tremendo. As grazas nunca serán suficientes polo que fai a afección cada día. Cos tempos que corren, que sexan capaces de facer ese esforzo é algo incrible. É un plus para deixarse a pel en cada adestramento e saír á pista para dalo todo. Eles fano por nós e nós tentamos dar o mellor de cada un para gozar xuntos. Creo que é un resumo do que é a familia Obradoiro. Remar todos xuntos cara ao mesmo obxectivo”.
ARRIBA