O Monbus Obradoiro ficha a Henry Ellenson

O Monbus Obradoiro e Henry Ellenson chegaron a un acordo para a próxima tempada 2021/22.

Este á-pivote de 2.08 metros e 24 anos procede dos Raptors 905 Mississauga, onde vén de promediar 21.5 puntos (59.8% en tiros de dous, 41.3% en triplos e 90.0% en libres), 8.1 rebotes, 0.4 tapóns, 0.9 recuperacións e 2.1 perdas en 31.2 minutos (17 partidos) na pasada edición da G League.

Internacional Absoluto e U17 por Estados Unidos, completou un só ano na universidade de Marquette (Equipo Ideal da Conferencia Big East, 17.0 puntos e 9.7 rebotes) antes de saír elixido o número 18 do draft da NBA de 2016. Nestas cinco campañas alternou dita competición (81 partidos, entre Detroit Pistons, New York Knicks, Brooklyn Nets e Toronto Raptors) coa liga de desenvolvemento.

“Trátase dun xogador cuxa polivalencia o capacita para facer as dúas posicións interiores. O tiro exterior é, sen dúbida, a súa mellor cualidade. Tamén pode poñer a pelota no chan. Esperamos que Henry poida ser o noso comodín que faga parella con calquera dos outros xogadores grandes do equipo”, afirma o director xeral do club, José Luis Mateo.

ARRIBA