O Monbus Obradoiro cae ante o Unicaja nun partido igualadísimo ata o último minuto (82-89)

Fotografía: Adrián Baúlde

O Monbus Obradoiro disputou o seu primeiro partido no Torneo EncestaRías de Vilagarcía ante o Unicaja de Málaga. O conxunto de Fotis Katsikaris levou a vitoria grazas ao seu acerto no último minuto (82-89).

Erros iniciais

Os minutos iniciais do encontro caracterizáronse polas imprecisións en ambos os conxuntos.

Os obradoiristas cometeron tres perdas en pouco máis de dous minutos. Pero, a diferenza da fin de semana pasada no Torneo de Lisboa, soubo controlar e conter rápido esas perdas o conxunto de Moncho Fernández.

Tiveron que saír Jaime Fernández, Daría Brizuela e Francis Alonso para dar organización e anotación ao Unicaja nese primeiro cuarto (entre os tres acabarían o partido achegando 50 puntos), que terminou cun 20-25 no electrónico.

O Obra dálle a volta

Os obradoiristas tiñan claro que debían mellorar en rebote e apertar en defensa para poder frear ao Unicaja. E este cuarto caracterizouse pola intensidade defensiva.

Os de Moncho Fernández fixéronse fortes en defensa e Birutis e Okouo brillaron no xogo interior e no rebote, freando así aos malagueños.

Foi a falta de cinco minutos para o descanso cando o Monbus Obradoiro empatou o partido (31-31) e conseguiu darlle a volta ao electrónico da man de Beliauskas, que anotou e xerou para os seus compañeiros para finalizar o cuarto 45-40.

O público envorcado

Esta era a segunda ocasión que tiña a afección obradoirista de poder ver ao seu equipo en acción de forma presencial. Despois dun ano complicado, os afeccionados obradoiristas demostraron que seguen ao pé do canón co equipo, aplaudindo cada canastra anotada, cada rebote capturado, cada roubo ou cada esforzo por deixarse a pel.

E viuse ao público claramente envorcado na primeira xogada do terceiro cuarto na que o Monbus Obradoiro tivo ata catro opcións de anotar no primeiro ataque, que terminou cun triplo de Scrubb que celebrou a bancada con toda a súa enerxía mentres Katsikaris pedía tempo morto.

Reacción malagueña

Os de Málaga non permitiron que o Monbus Obradoiro aumentase a vantaxe e, da man primeiro de Brizuela e a continuación de Jaime Fernández e Alonso, seguiron sumando ata poñer ao seu equipo por diante e finalizar o terceiro cuarto un punto por encima no electrónico (64-65).

Final intenso e igualado

A igualdade mantívose durante todo o encontro e non ía ser menos no final. Conseguiron os de Moncho Fernández sumar para coller vantaxe tras un triplo de Oliver (76-71), que obrigaba a Fotis a parar de novo o partido.

Con todo por decidir no último minuto, os obradoiristas encadearon moi boas xogadas, pero non atopou o acerto necesario nos últimos ataques. Algo que si conseguiu o Unicaja, con varios triplos de Alonso e un de Cole, que decantaron o encontro a favor dos andaluces (82-89).

 

Mañá os obradoiristas pelexarán polo terceiro posto do Torneo EncestaRías, ás 10:45 horas, ante o Río Breogán nun novo derbi galego para despedirse da pretemporada.

 

FICHA TÉCNICA

Monbus Obradoiro 82: Scrubb (12), Hobbs (7), Ellenson (3), Birutis (13), Robertson (13) - quinteto inicial - Okouo (7), Zurbrigger (6), Oliver (5), Beliauskas (7), Muñoz (3), Filipovity (6) e Suárez (0).

Unicaja 89: Cole (13), Brizuela (15), Bouteille (3), Barreiro (5), Eric (6) - quinteto inicial - Alberto Díaz (3), Jaime Fernández (17), Alonso (18), Vicedo (3), Abromaitis (2), Guerrero (0) e Nzosa (4).

Parciais: 20-25, 25-15, 19-25 e 18-24.

Incidencias: Primeiro partido do Torneo EncestaRías.

ARRIBA