O Monbus Obradoiro queda en terceira posición no Torneo EncestaRías tras vencer ao Río Breogán (99-80)

O Monbus Obradoiro despediuse do Torneo EncestaRías en terceira posición despois de facerse coa vitoria ante o Río Breogán nun encontro que dominaron de principio a fin (99-80).

Ameaza desde 6,75

Comezou enchufadísimo desde 6,75 o Monbus Obradoiro no primeiro cuarto castigando ao seu rival. Foi Ellenson o encargado de inaugurar o marcador con dous triplos consecutivos, e non dubidaron en anotar tamén desde triplo Beliauskas, Scrubb, Suárez ou Muñoz (7/13 no primeiro cuarto).

A pesar de todo, o Río Breogán non quixo deixar escapar aos obradoiristas e, tras un parcial de 0-7, mantívose preto no electrónico ao finalizar o primeiro cuarto (26-19).

Contendo as perdas

Unha das tarefas pendentes para os obradoiristas nestes primeiros partidos de pretemporada eran as perdas de balón. E lograron controlalas, primeiro ante Unicaja o venres e agora ante Río Breogán, finalizando o partido con 9 en total.

Zurbriggen anotou cinco puntos consecutivos (rematando o partido como máximo anotador con 20 puntos) conseguindo unha diferenza no electrónico de 13 puntos (43-30). Pero non estaba todo feito.

O Breo apertou tras dúas xogadas da man de Kalinoski (que anotou a metade dos puntos do cuarto) e chegouse ao descanso en Fontecarmoa cun 46-37 no electrónico.

Dominar os básicos

Volveron os obradoiristas do vestiario tendo moi claro que debían seguir dominando os básicos: manter a intensidade no rebote (18 levaban ao descanso), controlar as perdas (4 ao descanso) e manter o acerto (10/19 en triplos ao descanso).

O terceiro cuarto comezou como o facía o primeiro: con dous triplos de Ellenson. Así, o Monbus Obradoiro conseguía aumentar aínda máis a diferenza mentres que o Río Breogán non atopaba o acerto necesario para recortar distancias.

Os obradoiristas, que foron capaces de seguir compartindo o balón, mantiveron o nivel de acerto exterior do resto do encontro (17/32 en triplo) e conseguiron unha vitoria para despedirse do Torneo EncestaRías en terceira posición (99-80).

O Monbus Obradoiro ten unha semana completa por diante para continuar coa súa posta a punto para o comezo da Liga Endesa. Os obradoiristas inauguran a tempada 2021/22 na pista do Unicaja de Málaga, o domingo 19, ás 20:00 horas.

 

FICHA TÉCNICA

Monbus Obradoiro 99: Scrubb (12), Zurbriggen (20), Ellenson (17), Birutis (6), Beliauskas (8) - quinteto inicial - Okouo (1), Hobbs (2), Oliver (0), Robertson (11), Muñoz (12), Filipovity (4) e Suárez (6).

Río Breogán 80: Bell- Haynes (9), Musa (13), Sakho (8), Mahalbasic (13), Sergi Quintela (7) - quinteto inicial – Kacinas (2), Kalinoski (14), Lukovic (5), Larsen (4), Erik Quintela (5), Iván Cruz (0) e Sollazz (0).

Parciais: 26-19, 20-18, 25-16 e 28-27).

Incidencias: Partido polo 3º e 4º posto do Torneo EncestaRías.

ARRIBA