Thomas Scrubb: “A virtude deste Obra é que xogamos como un equipo. Sempre pensamos no mellor para o grupo”

Esta mañá presentouse oficialmente ante os medios a Thomas Scrubb nas instalacións de Baía Software, novo membro do Club de Empresas Obradoiro e patrocinador das categorías base.

O Socio Director da empresa, Martín Gómez, confesou que “encántanos poder anunciar esta colaboración polo que supón apoiar a un equipo ‘local’, con tanta importancia a nivel nacional como é o Monbus Obradoiro. Por iso nos sentimos orgullosos de poder acompañarvos ao longo desta tempada”.

Martín tamén explicou que “esta colaboración tamén é moi importante polo apoio que daremos á canteira. Sabemos que o talento moitas veces vén da canteira e por tanto hai que coidala. Por iso parecíanos moi interesante colaborar desde esta liña. Ademais, encántanos poder colaborar a través da bancada, para convidar a diferentes asociacións e gocen co equipo nos partidos”.

O director xeral do Monbus Obradoiro, José Luis Mateo, detallou que “é un auténtico orgullo asociarnos con empresas como Baía, e neste caso especialistas en proxectos tecnolóxicos innovadores capaces de crear solucións a medida para as empresas nunha época na que a tecnoloxía se ha revelado como fundamental nas nosas vidas. Este acordo vai ir sobre todo baseado na canteira, no fomento dos valores e do deporte e vaino a facer sendo mecenas da canteira, apadriñando ao equipo infantil de primeiro ano, que se chamará Bahía Software Obradoiro, e tamén terán entradas para que colectivos sociais, entidades sen ánimo de lucro e da familia de Baía poida acceder ao pavillón. Estamos encantados con este novo acordo e esperamos estar moitos anos unidos”.

A continuación, José Luis presentou a Thomas Scrubb: “Este aleiro de 1.99 metros e 29 anos procede do JL Bourg francés, onde promediou 8.2 puntos (61.4% en tiros de dous, 35.0% en triplos e 80.5% en libres), 4.3 rebotes, 1.4 asistencias, 0.9 recuperacións e 0.9 perdas en 24.0 minutos (34 partidos) na liga gala e 9.8 puntos e 3.9 rebotes en Eurocup. Thomas é un xogador experto que poderá sumar moitas cousas ao noso perímetro, como o seu primeiro paso, a súa selección de tiro, o seu xogo sen balón ou a súa capacidade para correr o campo. Trátase dun xogador de equipo que nos debe achegar equilibrio e nivel defensivo mercé á súa lectura e envergadura”.

Pola súa banda, o xogador explicou que está “a gozar moito da cidade. Teño á miña familia aquí comigo e creo que nos sentiremos moi cómodos. Como na casa. En Europa xoguei en cidades máis pequenas que Santiago. De feito, creo que Santiago é a máis grande na que xoguei. Cando estás nun lugar máis pequeno é máis fácil estar centrado no baloncesto. E é para o que veño”.

Scrubb atopouse múltiples diferenzas: “Como se adestra, como se xoga… É un xogo moito máis táctico comparado co que xogaba en Francia. Pero non é un problema xa que creo que encaixo neste tipo de xogo e sistemas. Ten moitos máis detalles nos que nos temos que fixar como equipo. Ao principio pode ser máis duro, pero a medida que vaia avanzando a tempada xogaremos os uns para os outros e creo que este sistema axudaranos precisamente a ser mellores”.

Tras clausurar a pretemporada, o aleiro obradoirista foi preguntado por como ve ao equipo: “É moi pronto para falar do noso nivel. En pretempada os equipos traballan para ser mellores. Xogamos contra tres equipos de acb (Río Breogán, Coosur Real Betis e Unicaja) e tivemos a oportunidade de gañar todos os partidos. Fomos competitivos e creo que iso é o importante. Agora que chega a tempada será distinto. Probablemente seremos dos equipos con xogadores máis novos da liga e necesitamos entender todos os sistemas e ver como encaixa cada un de nós neles. Temos que concentrarnos en traballar e ser mellores cada día e, cando empece a tempada, estar listos”.

E cales son as virtudes deste Obra? Thomas teno moi claro: “Xogamos en equipo. Ningún xogador vai por libre. Sempre pensamos no mellor para o equipo. Estamos moi receptivos ao que Moncho nos ensina. Creo que todos buscamos ser mellores como equipo e non nos frustramos con obxectivos individuais. Só pensamos en traballar duro. Persoalmente, tratarei de axudar en todo o que poida ao equipo para gañar. Podo ser unha ameaza en anotación interior e exterior, podo rebotear, achegar en ataque e defensa. Son versátil. Non son un xogador ‘estrela’, dos que sae nos máis destacados ou de maior anotación, pero son sólido, tratarei de cometer o menor número de erros e ser o mellor posible para que o equipo tamén o sexa”.

ARRIBA