Moncho Fernández: “Estamos desexosos por volver xogar, facerlles fronte e ser capaces de batelos co apoio da nosa afección”

O Monbus Obradoiro – Surne Bilbao Basket estará patrocinado por Sicilia in Bocca

O Monbus Obradoiro reencóntrase este sábado coa súa afección tras case un mes de espera para recibir ao Surne Bilbao Basket (18:00 horas), nun partido que estará patrocinado por Sicilia in Bocca, novo membro do Club de Empresas Obradoiro.

A empresa compostelá incorporouse esta tempada ao proxecto obradoirista e non só o fará para estar á beira do primeiro equipo, senón que tamén apoiará á canteira.

Moncho Fernández atendeu aos medios para falar sobre o seu próximo rival: “Comparado ao da primeira volta, chega un Surne Bilbao Basket que mellorou moito en varias facetas do xogo. As últimas vitorias que conseguiron fundamentáronas nunha grandísima defensa, por puntos encaixados por posesión ao nivel da mellor defensa da Liga. A suma de todos eses factores fíxoos moi competitivos. Veñen dun refacho moi bo, con moita confianza e é o Bilbao que nos esperamos”.

Preguntado por onde está o éxito deste refacho, Moncho explicou que “o bloque creceu moito. Hai xogadores que antes tiñan un rol e que agora desempeñan outro xa que, debido ás ausencias, tiveron que dar un paso adiante. Incorporaron a Inglis e a Peno no catro e no base. Ademais do que estes xogadores lles dan, creo que a gran mellora nace do equipo, do colectivo. Melloraron moito defensivamente e en ataque seguen tendo a potencia e perigo que xa tiñan. Hai xogadores que teñen moita calidade individual para xerarse canastras. Esa repartición dos roles, saber poñer o balón no lugar adecuado xunto á mellora defensiva e un aumento no ritmo de xogo, son os seus piares e onde se basea o éxito do Bilbao nestes últimos partidos”.

Moncho destacou que o equipo “está mellor que hai unhas semanas porque estamos a recuperar xente. É primordial recuperar tamén o estado de forma ao estar tantos días sen unha actividade física regular. Pero tanto os xogadores como o corpo técnico estamos desexosos de volver xogar. Esperamos poder facerlles fronte e ser capaces de batelos co apoio do noso público”.

Parte Médico HM Hospitales: A día de hoxe, e á espera dos resultados das pcr realizadas, o equipo conta cun positivo por COVID-19. Álex Suárez e Laurynas Beliauskas, que viñan de estar lesionados, están a adestrar co equipo con normalidade.

 

ARRIBA