O Rio Natura Monbus Obradoiro quere presumir dun dos seus mellores distintivos: a afección obradoirista. É por iso que anima a todo o mundo a votala para que se leve o Premio Xigantes Mellor Afección que a revista de baloncesto creou nesta edición do seu 30 aniversario.

O adestrador do Rio Natura Monbus Obradoiro, Moncho Fernández, compareceu hoxe en rolda de prensa para falar do seu rival nesta xornada (sábado, 19.00 horas), un Gipuzkoa Basket ao que cualifica como "un equipo de ritmo parecido ao noso". Fernández non dubida da calidade dos donostiarras: “Melloraron moito dende o principio, Ponsarnau puido impoñer o seu estilo. Buscan cada vez a vantaxe que máis lles interesa, saben cales son os seus homes faro e xogan para eles e teñen boa lectura destas situacións", apuntaba. "Defensivamente é un equipo con solidez, bo rebote, bo un contra un e bo traballo de axudas, o que lle permitiu competir ante os grandes como Real Madrid ou Unicaja ata case o final".

Juanjo Triguero: "O de Gipuzkoa será un partido competido"

Os xogadores do Rio Natura Monbus Obradoiro continúan o seu traballo semanal para preparar o partido contra o Gipuzkoa Basket (sábado 7, 19:00 horas). Os homes de Moncho Fernández, afrontan "con ilusión" esta semana co obxectivo de "reverter a dinámica".
O pívot Juanjo Triguero advirte dos perigos deste Gipuzkoa: “Hai xogadores que están a facer unha gran tempada, como Dani Díez, por exemplo, que está a demostrar que é un xogador moi importante dentro da Liga Endesa e vai haber que paralo. Tamén está David Doblas, experimentado que leva moitos anos e que pode facer moito dano dentro da pintura, é outra das súas armas interiores, pero poderiamos falar tamén de grandes xogadores no perímetro e na base".

Rio Natura Monbus Obradoiro quere agradecer a súa axuda a todos os afeccionados que este sábado colaboraron na "Operación Quilo" realizada polas peñas no partido da pasada fin de semana no Fontes do Sar, así como aos que o fixeron previamente en oficinas. A recadación de alimentos non perecedoiros que repartirá Cruz Vermella Santiago aos usuarios do proxecto "Alimentos para a solidariedade" ascendeu a uns 1.600 quilos de comida, con especial presenza de leite, conservas, aceite e cacao en po, catro dos produtos máis demandados pola asociación para repartir entre persoas en risco de exclusión social que os necesiten.

ARRIBA