O Rio Natura Monbus Obradoiro ficha a Eimantas Bendzius

O Rio Natura Monbus Obradoiro chegou a un acordo para as dúas vindeiras temporadas co aleiro lituano Eimantas Bendzius (2,03 metros e 25 anos), que procede do Trefl Sopot, co que promediou esta campaña na Liga Polaca 14.3 puntos (51.2% en tiros de dous, 41.4% en triplos e 80.2% en libres) e 4.8 rebotes en 27 minutos (33 partidos disputados).

Internacional nas categorías U19 e U20, anteriormente militara en varios equipos do seu país: Lietuvos Rytas (2012-2014), Pieno Zvaigzdes (2011-2012) e Perlas Vilnius (2008-2011).

“Eimantas destaca principalmente pola súa polivalencia, actividade e lanzamento exterior, todo iso nun físico de máis de dous metros. Máis alá de calquera valoración técnica, é un xogador que se tivo que facer a si mesmo, buscando primeiro o seu lugar na Liga Polaca e aceptando agora o reto da Liga Endesa. Vén con moita ilusión. O seu impacto dependerá principalmente da súa mentalidade e capacidade de adaptación. Estamos contentos con esta primeira incorporación para o Rio Natura Monbus Obradoiro 2015/16”, afirma o director xeral do club, José Luis Mateo.

A Fundación Heracles e o Rio Natura Monbus Obradoiro puxeron en uso o convenio que os une creando a figura de Amigo da Fundación Heracles, pola que unha doazón á organización para fomentar a práctica deportiva entre nenos e mozos se converterá en diferentes vantaxes relativas ao club.

José Luis Mateo, director xeral do club, recalcou a importancia desta figura, xa que o club ten "1200 abonados non accionistas e 1305 abonados e accionistas que esta tempada xa non puideron gozar do desconto de accionista; ao resto o devandito desconto véncelles na tempada 2015/16, e isto motivounos a facer unha reflexión". Por iso considera que "hoxe é un día importante para o club porque podemos dar un paso no dobre obxectivo estratéxico de manter e incrementar a nosa masa de abonados e, á vez, mellorar os medios das nosas categorías base", adiantou.

Rafael Silva, patrón da Fundación, explicou en que consiste esta nova figura: "calquera persoa ou empresa pode apoiar esta iniciativa dun xeito moi simple: doando un mínimo de 130 euros á Fundación Heracles obteranse uns beneficios no Rio Natura Monbus Obradoiro. O máis importante, un desconto total de 150 euros no teu abono repartido en tres anos por cada achega de 130, polo que o retorno xa é maior á doazón. Este desconto de 50 euros por tempada é ademais, acumulable a calquera outro desconto ao que teña dereito o abonado e vai ligado á non suba do prezo do abono da que durante os próximos tres anos gozará este colectivo de Amigos da Fundación Heracles".

O xogador do Rio Natura Monbus Obradoiro, Rafa Luz, foi convocado co combinado nacional absoluto brasileiro para os Xogos Panamericanos, que se disputarán en Toronto entre os días 21 e 27 de xullo.

Será a primeira ocasión na que Luz dispute esta competición, preámbulo da Copa América que se disputará en Monterrey no mes de setembro. Aínda que o xogador xa é un habitual da canarinha, coa que disputou o pasado verán o Torneo Sudamericano, logrando o bronce.

“É un pracer para min volver a representar ao meu país xunto aos meus compañeiros, e máis nunha competición tan importante como esta. O seleccionador Rubén Magnano considera que fixen unha boa temporada e volve a confiar en min”, afirmou o base.

Terán lugar durante a tarde do venres 5 de xuño no pavillón Lorenzo de la Torre

O Rio Natura Monbus Obradoiro organiza a próxima semana unha xornada de captación de xogadores para as súas categorías base, en plena fase de crecemento grazas entre outras cousas, á colaboración da recentemente activa Fundación Heracles.

A xornada terá lugar o próximo venres 5 de xuño no pavillón Lorenzo de la Torre. A sesión estará dividida por idades: de 17 a 18 horas poderán participar os nenos nacidos nos anos 2006 e 2007; de 18 a 19 horas será a quenda dos dos anos 2004 ou 2005; de 19 a 20 horas tocaralle aos nacidos entre 2002 e 2003 e por último, os máis maiores, nacidos no ano 2001 ou 2000, que poderán realizar as súas probas entre as 20 e as 21 horas.

Ás probas poderán asistir todos os nenos que desexen unirse aos equipos masculinos que ten nestes momentos o club, sen necesidade de anotarse previamente. Tampouco se ese un nivel mínimo, polo que o único requisito é acudir con roupa de deporte e zapatillas, para poder levar a cabo a actividade deportiva.

ARRIBA