Terceira FEB | Traumacor Culleredo 72 – 79 Obradoiro Ames
O Obradoiro Ames mostrou coraxe para sumar unha nova vitoria na súa visita ao sempre complicado Traumacor Culleredo. A pesar das baixas, os composteláns exhibiron ambición, especialmente na segunda metade do encontro, para lograr a quinta vitoria da tempada derrotando ao Traumacor Culleredo por 72-79 e afianzarse así na cuarta posición da clasificación.
Tras unha primeira parte na que o conxunto local gozou de pequenas vantaxes, remataron gañando a primeira metade por 38-31. O filial obradoirista conseguiu reaccionar tras o descanso grazas a unha sólida defensa e un ataque contundente. Logrou unha renda curta pero suficiente para controlar o encontro nos instantes finais e facerse coa vitoria.
Obradoiro Ames: Souto (8), Mateo (2), Bocca (16), González (12) e Maseda (21) -quinteto inicial-; Sánchez (5), Cambón (0), Rodríguez (0), Soneira (13), Pamuk (2).
Primeira Nacional | USC Obradoiro 69 – 56 Viveiro Asesores CBV
Importante vitoria para o USC Obradoiro na casa fronte a un combativo Viveiro Asesores CBV. Un bo xogo ofensivo dos locais provocaba que o rival non conseguise manter solidez na súa defensa. Pouco a pouco o USC Obradoiro foi aumentando a súa intensidade e, a base de transicións rápidas e mellora na circulación do balón, foise afianzando no encontro ata levarse a vitoria.
1ª División Cadete Masculina | Balidea Obradoiro 94 – 56 Oca Hotels Obradoiro Vedra
Nunha fin de semana onde descansaban os equipos de categoría Júnior debido ás fases de ascenso, na 1ª división cadete masculina tivo lugar un encontro entre dous equipos do club. O Balidea Obradoiro recibía ao Oca Hotels Obradoiro Vedra no pavillón Lorenzo de Latorre.
O partido comezou con moito ritmo por parte de ambos equipos, onde os ataques se decidían nos primeiros segundos de posesión, pero houbo un equipo que mostrou maior acerto. O Balidea Obradoiro tomaba 10 puntos de vantaxe no marcador. No segundo cuarto, o Oca Hotels Obradoiro Vedra tivo o seu mellor momento do partido, sendo contundentes e verticais en ataque e cunha boa selección de tiro.
Xa na segunda metade, o Balidea Obradoiro terminou impoñendo o seu físico, conseguindo a súa novena vitoria consecutiva na liga nun partido que foi unha gran festa para a canteira obradoirista.