Loading...

A polo líder para continuar a xeira de vitorias

OBRADOIRO C.A.B.
14 de febreiro de 2025

Última xornada antes da ventá FIBA para un Monbus Obradoiro ao que lle tocará visitar o líder da liga o vindeiro domingo no Coliseum. Esta será a terceira vez que os galegos se enfronten esta tempada a Silbö San Pablo Burgos, logo de colleitar dúas derrotas nos anteriores partidos.


Os de Félix Alonso intentarán manter viva a chama que lles permitiu entrar nesta boa dinámica, logrando catro vitorias consecutivas. Pola súa banda, os burgaleses pretenderán deixar claro que son o principal candidato ao ascenso directo.


ROLDA DE PRENSA


Na previa do partido, Félix Alonso confirmou que contará coas baixas de Álvaro Muñoz e Oliver Stevic. “Oliver notou o outro día, durante o primeiro cuarto, unha pequena contractura no sóleo que lle impediu seguir xogando. Onte fixéronlle unha ecografía, e confirmouse que non hai danos estruturais, polo que entendemos que, a partir da metade da vindeira semana, xa poderá estar outra vez co equipo”.


Ademais, súmase a dúbida de Ondrej Balvin, que sufriu onte un escordadura de nocello. “Teremos que ver como evoluciona. En principio, non debería ter ningún problema, pero hoxe non vai adestrar e probablemente mañá xa veremos”.


Sobre a posibilidade de reforzar o equipo nestes últimos días de mercado, afirma que “estamos intentando buscar xogadores con contrato que, por diferentes circunstancias, poidan saír do seu equipo, e iso non está a ser doado. Primeiro, porque o equipo do que saen ten que incorporar a alguén que os substitúa, e se nós non o estamos atopando, eles tampouco o van atopar porque non hai xogadores”.


O RIVAL


Sobre o rival ao que se enfrontarán, Alonso opina que no seu último partido foron quen de gañar un encontro no que “seguramente non foron moi brillantes, pero si demostraron que poden impoñerse nunha cancha tan complicada como a de Palencia. Creo que é o mellor equipo da Primeira FEB dos últimos anos. Están a xogar a un nivel excelente”.


Dos anteriores partidos contra o San Pablo Burgos, cre que “evoluímos un chisquiño respecto a aquel momento, tamén pola incorporación de Vladimir, que nos dá outra dimensión”.



0 Comentarios
Inicia sesión ou rexístrate para comentar
O último
Cómo adquirir o teu pack de entradas para os playoffs se eras abonado?
hai 2 días
O final do camiño
hai 2 días
O Monbus Obradoiro consegue o factor pista sobre a bucina
hai 2 días
Última bala para asegurar o factor cancha
hai 5 días