Este sábado ás 17:30 horas, o Monbus Obradoiro desprazarase ata Castela e León para disputar a oitava xornada da Primeira FEB fronte ao Caja Rural CB Zamora no Pavillón Ángel Nieto.
Os galegos chegan tras enlazar catro vitorias consecutivas, incluíndo o partido de Copa España fronte ao CB Prat, e unha vitoria en terras castelás e leonesas daríalles moita tranquilidade de cara á ventá FIBA da próxima semana. Pola súa banda, o Caja Rural CB Zamora afronta o partido despois de perder tres xornadas consecutivas na liga e buscará cambiar a dinámica na casa ante a súa afección.
O partido poderá seguirse en directo a través de La Liga Plus.
O equipo contará coa baixa de Tomeu Rigo, do que xa se informou que sofre unha lesión que non lle permitirá participar co equipo nesta tempada. Ademais, aínda que viaxan co equipo, Gonzalo Rodríguez está pendente da evolución de Nacho Varela, quen se perdeu o partido de Copa España, e de Millán Jiménez, debido a unhas molestias que, en principio, non deberían ser impedimento para xogar o sábado.
“Nacho non adestrou co equipo aínda, hoxe si o fará, imos probalo para ver como responde. Se ten problemas, descartaremolo. Millán tampouco puido adestrar despois do partido do martes, ten molestias na cadeira. Imos ver como evoluciona tras o tratamento. O mesmo, hoxe veremos na pista se ten opcións de xogar”.
Respecto da actuación dos canteiráns no partido de Copa España fronte ao CB Prat, afirma que “quedei contento con eles, axúdannos, seguirán axudándonos e axudaranos cada vez máis porque van mellorando”.
Do seu rival desta fin de semana mencionou que é un equipo que lle gusta moito. “Creo que xogan moi ben, con ritmo. Penso que tácticamente son moi ricos, tanto no plano ofensivo como defensivo. Este partido é un reto, un reto grande. É un equipo que xoga moito ao poste con xogadores en posicións 3 e 4 e que presenta defensas alternativas, defensas en zona. Creo que xogan dun xeito un pouco diferente ao que nos enfrontamos ata agora”.