O próximo sábado ás 18:00 horas o Monbus Obradoiro visita ao Inveready Gipuzkoa no Amenabar Arena de San Sebastián para disputar a sexta xornada da Primeira FEB.
Os galegos lograron na xornada anterior romper a súa racha de resultados negativos e traer a vitoria desde terras vallisoletanas ata Santiago, polo que buscarán alongar a senda do triunfo. Pola súa banda, os de Donostia queren continuar coa súa boa racha de vitorias diante da súa afección, podendo lograr a cuarta consecutiva tras comezar o curso perdendo nos dous primeiros encontros.
O partido poderá seguirse en directo a través de La Liga Plus.
Antes de dar comezo á rolda de prensa previa ao encontro de liga, Gonzalo Rodríguez quixo lembrar o acontecido en diferentes zonas da xeografía española nestes días. “Quero enviarlles unha forte aperta e o meu máis sentido pésame ás familias das vítimas desta terrible traxedia que sucedeu en puntos da Comunidad Valenciana, Castilla-La Mancha e Andalucía”.
Tras isto, aclarou que o equipo está ben e que non hai ningún contratempo na plantilla. “Traballamos moi ben durante toda a semana e estamos todos en perfectas condicións para o partido do sábado”.
O adestrador do Monbus Obradoiro sinalou que a vitoria da pasada fin de semana contra o UEMC Real Valladolid sentoulle moi ben ao equipo no plano anímico. “Creo que é moi importante que o equipo teña a mentalidade de seguir loitando durante todo o partido, tanto nos momentos malos como nos bos. Sempre dicimos que a nosa mentalidade non pode depender do acerto puntual. Haberá partidos nos que nos sentiremos máis cómodos, partidos nos que non, partidos nos que todo flúa e partidos nos que todo estea un pouco máis atascado”.
Esta fin de semana mediránse ao Inveready Gipuzkoa, un equipo “con perigo no rebote ofensivo e en todas as accións que lles permite dinamismo e enerxía. Temos que facer ben o traballo de contención. Fundamentalmente, temos que estar ben no rebote e facer ben as nosas cousas. Ao final é un partido, coma todos, que vai esixir a túa mellor versión. Esta liga é súper esixente na casa, e fóra aínda máis”.