Loading...

Loitar por continuar coa boa dinámica en Cantabria

OBRADOIRO C.A.B.
5 de febreiro de 2025

Tras gañar o primeiro partido da segunda volta de Primeira FEB, o Monbus Obradoiro visita terras cántabras para medirse ao Alega Cantabria na décimo novena xornada da competición. Será o venres ás 20:00 horas no Pavillón Vicente Trueba de Torrelavega, onde o conxunto galego pode continuar coa boa dinámica de resultados.


No partido de ida, disputado o 1 de decembro en Santiago de Compostela, o conxunto que naquel momento dirixía Gonzalo Rodríguez conseguiu alzarse coa vitoria por 93-54, deixando patente unha superioridade que veremos se este fin de semana volve quedar reflectida na cancha.


RUEDA DE PRENSA


Félix Alonso analizou ante os medios de comunicación o partido fronte ao Alega Cantabria, confirmando que, aínda que aínda faltan dous adestramentos antes de viaxar a Torrelavega, o equipo conta coa baixa de Álvaro Muñoz e a dúbida de Sergi Quintela.


“Sergi non adestrou nin onte nin antes de onte por un golpe que sufriu durante o partido contra Valladolid, aínda que todo indica que no adestramento de hoxe xa estará e poderá xogar o venres. Pola súa banda, Álvaro Muñoz evoluciona bastante ben. De feito, eramos tan optimistas que criamos que podería chegar ao partido, pero preferimos que non. Aínda así, viaxará para seguir estando na dinámica do equipo e pensando tamén xa no partido do martes”.


Respecto ao xogo do equipo nos últimos partidos, opina que “xogar 40 minutos ao mellor nivel, non vou dicir que sexa imposible, pero é realmente complicado. Temos que intentar que, cando non estamos no noso mellor momento, non se note tanto. É dicir, pasamos de facer momentos moi brillantes, como o día do Betis, no que xogamos 20 minutos extraordinarios, a ter un apagón. Iso é o que temos que tratar de evitar”.


O RIVAL


Os pupilos de Félix deberán enfrontarse a un equipo que “inicialmente estaba chamado a estar nesas posicións de playoff e parecía que esa era a ambición do club, pero ás veces nesta liga póñente no teu sitio. Polo tanto, creo que hai que ter moito respecto polo cadro contra o que nos imos enfrontar, máis aló do resultado que se puido producir aquí na primeira volta”.


“É o terceiro adestrador que van ter e xa se viu unha reacción o outro día cando xogaron en Burgos contra o Tizona, un partido no que tiveron opcións claras de conseguir a vitoria. Vai ser un partido complicado e Torrelavega é sempre unha cancha difícil, onde o público sempre aperta”.

0 Comentarios
Inicia sesión ou rexístrate para comentar