Loading...

O Monbus Obradoiro acada a Final Four da Copa España

OBRADOIRO C.A.B.
8 de xaneiro de 2025

A emoción da Copa España volvía ao Multiusos Fontes do Sar co partido de volta dos cuartos de final que enfrontaba ao Monbus Obradoiro contra o UEMC Real Valladolid. Na ida, os pucelanos impuxéronse por 80-78 nun encontro que mantivo a tensión ata o último segundo.


Aos de Félix Alonso abóndaballes con gañar por 3 ou máis puntos de diferenza, mentres que os visitantes clasificábanse cunha vitoria ou incluso cunha derrota por menos de 2 puntos. Ademais, ambos equipos chegaban ao partido con malas dinámicas na liga, o que engadía presión e emoción á cita.


Co balón en xogo, foron os castelán-leoneses os primeiros en adiantarse no marcador. Aínda que durante os primeiros catro minutos o tanteo foi baixo, o equipo dirixido por Paco García acadaba unha renda de 5 puntos (2-7).


Nos minutos seguintes, o Monbus Obradoiro conseguiu achegarse, pero ningún dos equipos superaba a barreira dos 10 puntos (7-9). Varias imprecisións dos locais na saída de balón permitiron aos pucelanos ampliar de novo a súa vantaxe, chegando aos 7 minutos de xogo cun marcador de 7-15.


Un tempo morto solicitado por Félix Alonso pouco antes do final do primeiro cuarto provocou unha lixeira reacción nos locais, que recortaron 2 puntos antes de pechar o parcial (9-15).


O segundo cuarto comezou cun maior ritmo anotador por parte de ambos equipos, pero as diferenzas no marcador mantíñanse (12-19). Os intentos do Monbus Obradoiro por reducir a distancia chocaban unha e outra vez cun aro esquivo, o que impedía que os locais se achegasen a menos de 6 puntos cando quedaban 3 minutos para o descanso (18-24).


O cronómetro parecía avanzar con lentitude no Fontes do Sar debido ás numerosas interrupcións. Nese contexto, o UEMC Real Valladolid soubo aproveitar as oportunidades para ampliar a súa vantaxe (18-31). Un 3+1 convertido por Brad Davison antes do descanso deixou un resultado de 23-31 favorable aos pucelanos ao remate da primeira metade.


Coa reanudación do xogo, a dinámica do terceiro cuarto asemellouse á do primeiro: poucos puntos nos primeiros minutos. Porén, ambos equipos foron gañando confianza no ataque e, ao chegar ao ecuador do período, o marcador reflectía 32-41.


A segunda metade do cuarto foi máis favorable para o Monbus Obradoiro, que capitalizou os erros dos visitantes para reducir a diferenza (40-44). A pouco máis dun minuto do final do cuarto, os galegos conseguiron empatar o encontro (46-46). Os case 2.500 espectadores presentes no Sar animaban intensamente ao seu equipo nun momento crucial. Un triplo de Torres sobre a bucina deixou ao UEMC Real Valladolid lixeiramente por diante ao remate do terceiro período (46-49).


O Monbus Obradoiro comezou os últimos 10 minutos con dificultades, encaixando dúas canastras consecutivas dos visitantes que ampliaron a diferenza (46-53). Porén, os locais reaccionaron rapidamente e, ao chegar ao minuto 34 de xogo, reduciran a desvantaxe a un punto (54-55).


Un triplo de Millán Jiménez deu ao Monbus Obradoiro a súa primeira vantaxe no partido (57-55). Quedaban pouco máis de 4 minutos e a vantaxe por 2 puntos non era suficiente para avanzar. Manchón respondeu cun triplo que volveu equilibrar a contenda (57-58).


A emoción mantívose ata o último segundo. Calquera dos dous equipos puido levar a vitoria, pero o último ataque do UEMC Real Valladolid non frutificou, permitindo que o Monbus Obradoiro pechase o marcador cun 65-61 que lles aseguraba o pase á Final Four da Copa España.


Ficha técnica

 

65 – Monbus Obradoiro: Rati Andronikashvili (9), Brad Davison (17), Álex Galán (1), Alonso Grela (0), Ondrej Balvin (5), Strahinja Mićović (6), Millán Jiménez (5), Nacho Varela (6), Sergi Quintela (4), Jake Stephens (2), Álvaro Muñoz (6), Oliver Stević (4).

 

61 – UEMC Real Valladolid: V. Vucetic (3), J García-Abril Guerrero (0), J. Puidet (4), S. Wilson (0), D. Manchón Crespo (17), G. Suvi (0), E. Demers (5), M. Kovacevic (11), A. Sans Valls (0), S. de la Fuente Valdizan (0), M. Torres Cuevas (9), Mballa (12).

 

Cuartos: 9-15, 23-31, 46-49, 65-61.

 

Árbitros: Jorge Baena Criado, Antonio Manuel Zamora Rodríguez, Juan Alberto Pinela García.


Incidencias: Partido correspondente á volta dos cuartos de final da Copa España disputado no Multiusos Fontes do Sar o 7 de xaneiro de 2025 ante 2.473 espectadores.




0 Comentarios
Inicia sesión ou rexístrate para comentar