Partido crucial para o final de tempada do Monbus Obradoiro e do Súper Agropal Palencia. Ambos equipos chegaban ao Multiusos Fontes do Sar na tarde do sábado ben posicionados para loitar polos playoffs de ascenso á ACB. Tanto galegos coma castelán-leoneses contaban co mesmo número de vitorias e derrotas, polo que a loita sobre o parqué estaba servida para todo bo afeccionado ao baloncesto.
Aínda que a primeira posesión foi para os visitantes, un bo Brad Davison abriu o marcador cos tres primeiros puntos para os de Félix Alonso cando apenas se superaba o minuto e medio de xogo. Balvin e Sergi Quintela, dominando na zona, propiciaron un arranque imparable do Monbus Obradoiro: 9-0.
Máis tarde, o marcador apenas se movería. Os composteláns lograban manter a renda inicial e colocábanse 11-4. Ao achegarse o último minuto do cuarto, o ritmo do xogo acelerouse e comezaron a caer as canastras para ambos conxuntos. Aínda así, o Obradoiro mantiña a vantaxe e pechaba o primeiro período cun 18-12.
No segundo cuarto, o público tivo que agardar máis de dous minutos para ver a primeira canastra, obra de Millán Jiménez desde a liña de tres. Co Súper Agropal Palencia achegándose perigosamente, Félix Alonso viuse obrigado a pedir o primeiro tempo morto do cuarto ao chegar o ecuador do mesmo (23-20).
Pouco despois, os visitantes empataban o encontro cun bo triplo: 25-25. Non obstante, os composteláns, arroupados pola súa afección, lograban evitar que o rival se puxese por diante (27-25). A falta de tres minutos, os castelán-leoneses impuñan o seu ritmo, aínda que Lucas Faggiano cortaría rapidamente a súa alegría. Finalmente, os equipos marchaban ao descanso cun axustado 35-34.
Co balón de novo en xogo no Fontes do Sar, a intensidade era máxima, pero as anotacións seguían a ser irregulares, e o marcador reflectía un 37-34 tras os tres primeiros minutos do terceiro cuarto.
A pesar de que os locais mantiñan un bo ritmo, o Súper Agropal Palencia soubo aproveitar as súas oportunidades e deulle a volta ao marcador, acadando a súa maior vantaxe en todo o encontro: +4 (41-45). Un bo peche de cuarto permitiu ao Monbus Obradoiro seguir metido no partido de cara ao último período (48-52).
Chegaban os últimos 10 minutos e os palentinos golpeaban primeiro. Álvaro Muñoz, que pisaba a pista por primeira vez en todo o encontro, devolvía a enerxía a unha bancada que parecía apagada. O Obradoiro volvía meterse no partido (53-54).
Con todo por decidir, os de Félix Alonso recuperaban a vantaxe. Álvaro Muñoz brillaba novamente para colocar o +2 (58-56). O encontro entraba nunha fase de alternancia constante no marcador, con ambos equipos chegando igualados aos 60 puntos.
Muñoz púxose o traxe de luces e non pensaba parar. Anotaba de tres en tres e, tras unha pequena vantaxe dos visitantes, volvía igualar o partido (66-66). Alex Barcello, cun 3+1, acendía a bancada do Fontes do Sar a falta dun minuto (70-66).
Finalmente, tras uns últimos 20 segundos frenéticos, o Monbus Obradoiro levábase unha vitoria de ouro: 77-76.
Ficha técnica
76 – Monbus Obradoiro: Rati Andronikashvili (0), Brad Davison (14), Álex Galán (4), Ondrej Balvin (11), Strahinja Micovic (2), Milán Jiménez (8), Lucas Faggiano (3), Nacho Varela (6), Sergi Quintela (6), Alex Barcello (10), Álvaro Muñoz (10), Oliver Stevic (3).
76 – Súper Agropal Palencia: Leslie Nkereuwen (13), Alec Wintering (19), Adam Kunkel (16), Tobias Borg (4), Xabi Oroz (6), Manu Rodríguez (5), Chema González (0), Lovro Gnjidic (1), Pablo Hernández (0), Juampi Vaulet (2), Cameron Krutwig (10), Dimitar Dimitrov (0).
Cuartos: 18-12, 35-34, 48-52, 77-76.
Árbitros: Francisco José Zafra Guerra, Cristian Martín Vázquez, Joan Fanes Marginet.
Incidencias: Partido correspondente á vixésimo novena xornada da Primeira FEB, disputado no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela ante 5.339 espectadores.