Saída complicada para o Monbus Obradoiro en terras sevillás, na vixésimo oitava xornada de liga fronte ao Naturavia Morón. Os galegos chegaban en plena forma tras vencer nos seus últimos sete encontros. Pola súa banda, os locais, malia ocupar a última posición na táboa, buscaban unha vitoria que seguise dando alegrías á súa afección neste treito final de tempada.
O Pavillón Alameda encheuse de público e, a pesar da distancia, os obradoiristas non faltaron á cita, con varias decenas deles presentes nas bancadas. A primeira canastra do partido foi para o Monbus Obradoiro, pero os locais, moi enchufados dende o inicio, lograron unha vantaxe de +7 en apenas tres minutos (11-4). A pesar do aumento do poder ofensivo visitante, o Naturavia Morón seguía por diante no ecuador do primeiro cuarto (13-7).
Houbo que agardar até o minuto sete para que o Monbus Obradoiro se puxese novamente por diante no marcador, grazas a un triplo de Millán Jiménez (15-16). A un minuto do final do primeiro cuarto, os composteláns acadaron a súa maior vantaxe até o momento, +6 (17-23). Porén, unha perda de balón e varios erros en ataque permitiron que os primeiros 10 minutos concluisen cun marcador moi igualado: 21-23.
Nada máis comezar o segundo cuarto, o Naturavia Morón empatou o encontro, aínda que un bo Álvaro Muñoz devolveu a vantaxe aos seus (23-26). Aínda que os visitantes lograron abrir unha fenda de até +8, os locais comezaron a recurtar distancias, o que obrigou a Félix Alonso a pedir tempo morto (31-33). Tras dúas posesións, os sevillanos empataron o partido e pouco despois retomaron momentaneamente a vantaxe (39-33).
Tocaba remar a contracorrente, e os composteláns reaccionaron cun parcial de 0-9 que lles devolveu a dianteira (39-41). Finalmente, os xogadores marcharon ao descanso cun resultado favorable ao Monbus Obradoiro (41-43).
A tónica do partido tras a reanudación foi a mesma: moita igualdade e ambos equipos anotando en case cada posesión (45-45). A igualdade mantívose durante boa parte do terceiro cuarto, con empate a 51 aos cinco minutos de xogo.
Nun momento de máxima tensión, no que a vitoria semellaba cambiar de mans constantemente, o Monbus Obradoiro logrou un pequeno respiro cun parcial que lles deu unha vantaxe de +6 (55-61). A partir de aí, os de Félix Alonso apertaron o acelerador e acadaron unha renda de +10 que lles deu tranquilidade de cara ao último cuarto (57-67).
Xa nos últimos 10 minutos de partido, o equipo visitante golpeou primeiro grazas a un gran Millán Jiménez, que se internou con decisión na zona. Con cinco minutos por xogar, o Monbus Obradoiro xa gañaba por 15 puntos (59-74), encarando o treito final coa seguridade de que unha boa defensa e o control das posesións lles asegurarían a vitoria.
A falta de catro minutos para o final, os composteláns puxeron o +20 no marcador, deixando o partido practicamente sentenciado (63-83). A diferenza seguiu medrando e os visitantes pecharon o encontro con autoridade, a falta dun par de minutos para o final (67-93). Finalmente, os galegos levaron unha sólida vitoria a Santiago de Compostela cun marcador final de 70-99.
Ficha técnica
70 – Naturavia Morón: Mathias M’Madi (17), Javier Marín (9), José Alberto Jiménez (12), Fabio Santana (0), Alberto Martínez (0), Ismael Tamba (6), Vinicius Da Silva (4), David Pol (0), Andre Norris Jr. (14), Antonio Burgos (0), Luis Parejo (2), Rafael García (6).
99 – Monbus Obradoiro: Rati Andronikashvili (0), Brad Davison (12), Álex Galán (8), Vladimir Brodziansky (X6, Ondrej Balvin (10), Milán Jiménez (18), Lucas Faggiano (3), Nacho Varela (3), Sergi Quintela (10), Alex Barcello (13), Álvaro Muñoz (6), Oliver Stevic (10).
Cuartos: 21-23, 41-43, 57-67, 70-99.
Árbitros: Ángel de Lucas de Lucas, Joaquín Lizana Moreno, Fernando Martínez Estopiñan.
Incidencias: Partido correspondente á vixésimo oitava xornada da Primeira FEB disputado no Pavillón Alameda de Morón de la Frontera.