Era o momento de desfrutar do último partido do ano para o Monbus Obradoiro e o Aircargobooking Ourense, correspondente á décimo cuarta xornada de liga, e que tiña como gran aliciente ser o único derbi galego da categoría.
Ambos equipos chegaban ao encontro moi igualados na clasificación xeral e con ganas de levar a vitoria. Os locais, ademais, ían vivir o seu primeiro partido con Félix Alonso como adestrador principal.
Tras o Himno de Galicia, o Miudiño e a entrega do balón aos árbitros por parte do Carteiro Real das súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, comezaba un partido que tiña como escenario un Fontes do Sar cheo até a bandeira.
Quintela asistía a Balvin na zona… e este encargábase de anotar a primeira canastra do partido. Os visitantes remontaron pouco despois, pero o checo colgábase do aro e poñía o 4-4. Os de Félix Alonso colleron impulso e, aos tres minutos, acadaron unha vantaxe de 4 puntos. Porén, non tardou máis dun minuto o Aircargobooking Ourense en volver achegarse (10-9).
Os visitantes mantivéronse por diante durante varios minutos, até que Millán Jiménez anotou de dous para igualar o marcador (14-14). Nos últimos segundos, o equipo dirixido por Moncho López logrou desmarcarse e pechou o primeiro cuarto cun 16-20.
No segundo cuarto, os ourensáns golpearon primeiro, e un tiro libre adicional levounos aos 23 puntos ao comezo do período. Os visitantes seguían ampliando a vantaxe, pero Álvaro Muñoz deu alento aos seus cun triplo que puxo o 21-25. Máis tarde, Brad Davison repetiu a fazaña e deixou o Monbus Obradoiro a só un punto.
O partido converteuse nun intercambio de triplos: cando os locais se achegaban, os visitantes respondían desde a liña de tres. Así ocorreu novamente con Brad Davison, que non perdoou (26-30).
Nos instantes finais antes do descanso, a tensión palpábase nunha Caldeira chea que empurraba aos seus cara a unha igualdade que aínda se resistía. Sergi Quintela, a falta de 10 segundos, anotou para achegar aos locais, pero Brito, cun triplo sobre a bucina, deixou o marcador en 32-35 ao descanso.
Tras a reanudación, houbo que agardar un minuto para que o Ourense comezase anotando de tres. López castigou novamente aos locais con outro triplo, pero a resposta do Monbus Obradoiro foi contundente: dúas canastras de Balvin e un tiro libre de Quintela deixaron o marcador en 37-41.
A catro minutos de rematar o cuarto, Félix Alonso solicitou un tempo morto obrigado, xa que o seu rival comezaba a distanciarse (40-47). A charla fixo efecto, e ao regresar á pista, Millán Jiménez encestou de tres, logo de dous, e finalmente Micovic anotou outro triplo. Os composteláns achegáronse perigosamente, quedando a só un punto (48-49).
Ambos equipos superaron a barreira dos 50 puntos consecutivamente a falta dun minuto. Días anotou de tres para o Ourense, pero Millán Jiménez colgouse do aro para pechar o terceiro cuarto cun axustado 52-54.
Nos últimos 10 minutos, con todo por decidir, ambos equipos comezaron moi igualados. Así continuaron por uns minutos, até que Micovic, co seu segundo triplo, volveu achegar ao Monbus Obradoiro a un punto do seu rival (59-60). Porén, os composteláns non lograban adiantarse, e o Aircargobooking Ourense aproveitou para ampliar novamente a vantaxe (59-66).
Tocaba remar a contracorrente, e o público sabíao. Sar apertaba para animar a uns xogadores que non baixaban os brazos (63-66). Foi entón cando, por fin, Micovic encestou un triplo que empatou o encontro a falta de 1 minuto e 45 segundos (66-66).
A 52 segundos do final, o marcador amosaba un empate a 68. Ourense dispuxo de dous tiros libres, anotando só un. Os locais tiveron a posesión, pero non lograron anotar. Na seguinte xogada, os visitantes dispuxeron de outros dous tiros libres, desta vez acertando ambos. Con 13 segundos por xogar e 3 puntos de diferenza, o Monbus Obradoiro tiña a última posesión, pero Brad Davison fallou o lanzamento decisivo.
Finalmente, o marcador non se moveu máis, e o Aircargobooking Ourense levou a vitoria por 68-71.
Ficha técnica
68 – Monbus Obradoiro: Rati Andronikashvili (0), Brad Davison (11), Álex Galán (2), Alonso Grela (0), Ondrej Balvin (10), Strahinja Mićović (11), Millán Jiménez (9), Nacho Varela (0), Sergi Quintela (11), Jake Stephens (4), Álvaro Muñoz (7), Oliver Stević (3).
71 – Aircargobooking Ourense: Brito (18), Moody (5), Mendikote (5), Rodríguez (15), Monteiro (0), J. López (5), Fernández (0), S. Paz (0), Krikke (9), Lisboa (10), R. Gill (2), Ogunsipe (2).
Cuartos: 16-20, 32-35, 52-54, 68-71.
Árbitros: Carlos Javier García León, Juan P. Morales Gª - Alcaide, Manuel Andrés Seijo Vázquez.
Incidencias: Partido correspondente á décimo cuarta xornada da Primeira FEB disputado no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela o 29 de decembro de 2024 ante 5.497 espectadores.