Loading...

Se o “Miudiño” é a nosa alma, por que non podemos ter un himno?

OBRADOIRO C.A.B.
21 de abril de 2025

Ninguén pode negar que un dos elementos identificativos do Multiusos Fontes do Sar, cando xoga o noso equipo, é ese momento previo ao inicio de cada partido no que “a caldeira” se funde nun cántico único representado polo “Miudiño”.


Pero, por que non poderiamos ter tamén, para certos momentos do partido, un elemento que nos faga sentir aínda máis esa alma de seareiro, que acompañe os instantes determinantes de cada encontro? Un momento no que, ademais deses berros de “O-B-R-A-TODOS-XUNTOS-OBRA!!”, poida xurdir un coro que, como sexto xogador, empurre ao Obradoiro sempre cara á vitoria.


É indiscutible que un himno non é só un cántico. É tamén unha forma de fortalecer o sentimento colectivo, cun ton celebrativo que recolle feitos, tradicións e valores co obxectivo de construír unha identidade común.


Por iso queremos contar contigo, con todos os nosos seareiros, para que nos axudedes a atopar esa identidade colectiva que faga que a bancada cante cunha soa voz en cada partido.


Seguro que moitos de vós coñecedes a Ruxe Ruxe (@ruxeruxe_oficial), que nos axudou a dar forma a esta iniciativa e a abrila a todo o mundo, creando unha primeira proposta baixo o título “A SAR EU VOU”.


Ruxe Ruxe é unha desas bandas santiaguesas, referentes do rock galego, que cando lles propuxemos colaborar nun proxecto coma este, non dubidaron en dicir ¡SI!


Nacidos en Aríns alá polo 1996, e aínda hoxe guiados por tres daqueles catro amigos do instituto —Xan Pericán, Xaco Barona e Vituco Neira— seguen mantendo vivo ese espírito de loita que ondea como bandeira do rock galego, con letras que buscan transmitir emocións en cada canción.


¿Anímaste a participar neste reto tan apaixonante?


Se che gusta a música e cres que podes crear un himno para o Obradoiro, estaremos encantados de escoitar a túa proposta, pero deberás cumprir as seguintes condicións:


  1. Recepción de propostas ata o 30 de abril.
  2. Duración máxima da versión longa: 4:30 minutos.
  3. Duración máxima da versión curta: 1:30 minutos.
  4. A proposta deberá enviarse en formato MP4 a comunicacion@obradoirocab.com.
  5. Tamén será necesario incluír un documento Word ou PDF coa letra.
  6. Os dereitos de propiedade das cancións serán cedidos a Obradoiro CAB S.A.D.


Todas as propostas serán estudadas e valoradas por un xurado profesional, co obxectivo de seleccionar a mellor proposta de himno e poder presentala no último partido da Primera FEB en Sar fronte ao Inveready Gipuzkoa.

0 Comentarios
Inicia sesión ou rexístrate para comentar