As 20:30 horas do martes; o Multiusos Fontes do Sar estaba a rebordar para ver ao seu equipo e un partido de altos voos en Primeira FEB, cun Monbus Obradoiro buscando volver á senda das vitorias e un Real Betis Baloncesto ambicioso de continuar nos primeiros postos da clasificación.
A Caldeira apretaba, aínda sendo un partido entre semana, xa que sabe do seu poder para dar forzas e ánimos aos seus. Balón ao aire e o Sar en pé, como de costume, esperando a primeira canastra local, que caía nas mans de Jake Stephens para poñer o 3-3. Aos 4 minutos de encontro, os andaluces conseguían, cunha boa defensa e ataque, alcanzar unha distancia de 7 puntos sobre o seu rival.
Ambos equipos comezaron a anotar á par e, a pesar dos intentos ofensivos dos galegos, o Real Betis Baloncesto non cedía en reducir as diferenzas. Cando os locais se achegaban no marcador, os visitantes despregaban a súa contundencia ofensiva para manterse en todo momento como mínimo cinco puntos arriba. Así remataba o primeiro cuarto, 18-23.
No segundo cuarto houbo que agardar máis dun minuto e medio para ver a primeira canastra que, de tiro libre, caía a favor dos sevillanos. A segunda tamén sería para os visitantes. Tras uns segundos nos que a pelota non quería entrar, Oliver Stevic anotaba desde a pintura para os seus (20-26).
Jake Stephens primeiro e Sergi Quintela despois, poñían a base de triplos a igualdade no partido (26-26). Tras isto, o Real Betis Baloncesto volvía a tomar un respiro e conseguía distanciarse a 4 dos locais. Pouco lles duraría a ledicia, xa que Micovic, cun triplo, e Jake, desde a liña de tiros libres, daban por primeira vez a vantaxe momentánea ao Monbus Obradoiro (31-30).
O descanso do partido chegou cos galegos por diante no marcador, pero con todo por decidir (33-32).
Tras a reanudación do partido, a afección obradoirista quentaba o ambiente animando aos seus e facendo esquecer o frío que facía na capital de Galicia. O Real Betis anotaba primeiro e conseguía así darlle a volta ao resultado (33-36). Dous triplos consecutivos dos andaluces lograban poñelos 9 puntos arriba e tomar un respiro. Os locais non anotaran aínda no terceiro período (33-42).
Pouco a pouco, o Monbus Obradoiro comezaba a converter as ocasións en puntos e recurtaba diferenzas de cara ao ecuador do terceiro cuarto (37-42). Os locais íanse achegando perigosamente ao seu rival, tanto que a catro minutos para finalizar o cuarto conseguían empatar (44-44). Anotaba o Betis e replicaba o Monbus Obradoiro. Nacho Varela volvía poñer aos de Gonzalo Rodríguez por diante (48-46). Galán, desde a liña de tiros libres, achegaba aos seus aos 50 puntos.
O partido ía ao último cuarto cos galegos 6 puntos arriba no marcador. Era a maior diferenza a favor dos locais en todo o partido (52-46).
Comezaban os últimos 10 minutos cos nervios a flor de pel. Oliver Stevic daba a primeira anotación para os galegos que xa marchaban 8 puntos arriba. A distancia continuou igual polo resto dos minutos. Ás veces aumentaba a 10 puntos e outras baixaba a 6, pero os locais non permitían aos béticos alcanzalos no marcador.
Nos últimos catro minutos de partido o resultado íase axustar. O Real Betis Baloncesto conseguía achegarse a 3 dos galegos e Kasibabu, desde o tiro libre, reducía a distancia a 2. Unha canastra de Varela e un triplo dos visitantes deixaban as distancias nun punto (65-64).
A igualdade manteríase ata o final do encontro e ata que, a falta de 45 segundos, Micovic decidíase a anotar de 3, poñendo aos locais 6 arriba (71-65). Aos galegos abóndaballes con esgotar as posesións para gañar, e así terminou sucedendo. Un definitivo 71-67.
Ficha técnica
71 – Monbus Obradoiro: Rati Andronikashvili (3), Brad Davison (10), Álex Galán (4), Alonso Grela (0), Ondrej Balvin (10), Strahinja Mićović (10), Millán Jiménez (0), Nacho Varela (4), Sergi Quintela (11), Jake Stephens (10), Álvaro Muñoz (0), Oliver Stević (9).
67 – Real Betis Baloncesto: Hughes (14), Cvetkovic (2), Marín (0), Benite (16), Domenech (0), Kasibabu (9), De la Torre (6), De Bisschop (8), Renfroe (5), Radoncic (7).
Cuartos: 18-23, 33-32, 52-46, 71-67.
Árbitros: Alemán Morales Ruiz, Pablo Rodríguez Fernández, José Javier Marqueta Gracia.
Incidencias: Partido correspondente á undécima xornada de Primeira FEB disputada no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela o 10 de decembro de 2024 ante 3.597 espectadores.