O Monbus Obradoiro ficha a Steven Enoch

O Monbus Obradoiro e Steven Enoch chegaron a un acordo para a tempada 2020/21.

Este pívot de 2,08 metros e 22 anos procede da Universidade de Louisville, onde promediou esta tempada 9.5 puntos (54.1% en tiros de dous, 33.3% en triplos e 74.0% en libres) e 5.6 rebotes en 20.4 minutos.

Nado en Norwalk, no estado norteamericano de Connecticut, tamén posúe a nacionalidade armenia, país co que disputou os Europeos U20- B de Chalkida’2016 e Oradea’2017. A súa traxectoria universitaria dividiuse entre a citada Louisville (2018-2020) e Connecticut (2015-2017).

“Con Steven incorporamos un perfil de pívot atlético que complementa o que xa imos tendo no noso xogo interior. Pode anotar tiros abertos e tamén preto de canastra sobre os dous ombreiros. A pesar de tratarse da súa primeira experiencia profesional, pensamos que a súa capacidade de salto, físico e rebote poden sumar cousas ao equipo en función da súa capacidade de adaptación”, afirma o director xeral do club, José Luis Mateo.

ARRIBA