O Monbus Obradoiro visita o Centro Superior de Hostalería e participa nun showcooking cos seus alumnos

Os integrantes do Monbus Obradoiro visitaron este mediodía o Centro Superior de Hostalería de Galicia.

Os obradoiristas foron recibidos pola directora do centro, Marta Fernández, e polo responsable do departamento de administración de empresas, José Luis Sieira, que guiaron aos xogadores e corpo técnico para realizar unha breve visita polas instalacións.

Unha vez coñecido o funcionamento, chegou o momento de poñerse ao choio. Cada xogador ocupou a súa propia mesa individual para recibir aos alumnos e alumnas do Centro Superior de Hostalería, que elaboraron un menú especial para os obradoiristas.

O menú estaba composto por cinco pratos e sobremesa: ceviche con escuma de huncaína, tiradiño de robaliza, ovo descapotado, polbo anticuchero con chimichurri andino, birria de res e torta de sobremesa.

Cada alumno presentou en perfecto inglés cada un dos pratos e mesmo pediron colaboración para mostrar o paso a paso da preparación. Así, Pepe Pozas colaborou cun alumno na elaboración do ‘Tiradiño de robaliza’, mentres que Mike Daum, Kassius Robertson, Rafa García e Álvaro Muñoz organizáronse perfectamente para que, cada un, realizase un dos pasos para conseguir o ‘Ovo descapotado’ perfecto.

O colofón final chegou cunha sorpresa por parte dos alumnos para todo o equipo. A sobremesa era unha torta personalizada con forma de pista de baloncesto, co escudo obradoirista no centro. O persoal respondeu cun forte aplauso en agradecemento pola elaboración dun menú delicioso.

ARRIBA