Moncho Fernández: “Creo que o termómetro do Coosur Real Betis é o equipo”

O Monbus Obradoiro afronta o seu último adestramento en Santiago antes de poñer rumbo a Sevilla, onde disputará o seu seguinte compromiso da Liga Endesa, o domingo ás 17:00 horas na pista do Coosur Real Betis (Movistar Deportes 1 – Dial 54).

O técnico obradoirista, Moncho Fernández, destacou sobre o seu rival que “é un equipo moi xeneroso no esforzo e moi loitador. Están moi ben nas cousas que non teñen que ver co talento. É un dos mellores reboteadores ofensivos da liga”.

Preguntado por se o termómetro do seu rival son os bases, Moncho detallou que “non diría iso. Creo que hai outros xogadores importantes, como os seus dous interiores, Ndoye e Jordan; ou Kay, que é un gran xogador e moi importante para eles; e o corazón que lle achega os nacionais, nos que meto a Nick Spires, Almazán, Torres ou Borg, que leva aquí tanto tempo que coñece isto perfectamente. Creo que o termómetro do Betis é o equipo. Teñen focos de anotación individuais, pero creo que todo o colectivo traballa para eles. Son un equipo onde calquera atopa as súas accións durante o partido. Gústanme moito por iso, porque ves un equipo, non un conxunto de individualidades”.

Con respecto ao partido da primeira volta, o técnico obradoirista explicou que “foi un partido moi pronto, case ao comezo da Liga. Tiñan outro adestrador con outra filosofía e tamén cambiaron xogadores coa chegada de Joan. Ademais, demostrou que rende moi ben xogando ás dúas velocidades porque foi capaz de gañar a ritmos altos e a ritmos máis pausados”.

Parte Médico HM Hospitales: Kassius Robertson é baixa ao sufrir unha rotura fibrilar no cuádriceps da súa perna dereita. Pepe Pozas segue sendo baixa ao sufrir unha rotura parcial do tendón rotuliano da súa perna esquerda. O resto de xogadores están dispoñibles para poñerse ás ordes de Moncho Fernández.

ARRIBA