Moncho Fernández: “O MoraBanc Andorra é un equipo con moito físico e moito corazón”

O Monbus Obradoiro – MoraBanc Andorra será o Partido Patrocinado por OCA Hotels - OCA Puerta del Camino

O Monbus Obradoiro continúa coa semana de traballo para preparar o partido deste sábado, no que recibirá ao MoraBanc Andorra (Movistar Deportes – Dial 53), que estará patrocinado polo OCA Hotels – OCA Porta do Camiño, membro do Club de Empresas Obradoiro e lugar onde o equipo se concentra nas previas dos partidos como locais.

O director do hotel OCA Puerta del Camino, Lalo Crespo, explicou que “estamos encantados de tervos na casa. Creo que o equipo tamén o está nestas pequenas estancias aquí antes dos partidos. Tratamos de coidalos o mellor posible para que estean cómodos e se sintan como na súa casa. Só teño palabras de agradecemento. Cando tratas con deportistas que son profesionais, o achegamento é importante e teño que dicir que tanto o corpo técnico como os xogadores teñen un comportamento exemplar e son unha marabilla de persoas. Estas cousas a maioría de veces vénse nos medios, pero non o podes comprobar en persoa. E aquí vivímolo cada 15 días coa súa visita ao noso hotel e estamos encantados”.

O director de Marketing e Comercial, Daniel Agra, explicou que “o partido deste sábado estará patrocinado por OCA Hotels – OCA Puerta del Camino. Ademais dos activos que levarán a cabo a través deste partido patrocinado, a nosa vinculación é a través do primeiro equipo, realizando aquí as concentracións previas aos partidos e coas categorías inferiores, no que o equipo cadete leva o seu nome ‘Oca Hotels Obradoiro’. Reiteramos o noso agradecemento a Ramón, Carlos, Lalo e todo o equipo de OCA Hotels porque é moi sinxelo traballar convosco”.

A continuación, o técnico obradoirista, Moncho Fernández, definiu ao seu próximo rival, o MoraBanc Andorra: “Destacaría o seu esforzo físico en cada partido, sempre. Fai moi ben todo aquilo que implica despregamento de vontade e traballo: rebotes en ataque, balances… Demostran sempre fortaleza, loita, entrega… É un equipo con moito físico e moito corazón”.

Moncho continuou detallando que “gústame moito como xogan os equipos de Ibon Navarro. Neste caso, saben aproveitar moi ben as características individuais dos xogadores. Desde o punto de vista táctico ten moitas situacións sorpresivas que che obrigan a estar moi atento todo o tempo, como bloqueos cegos, portas atrás… Son un equipo que xogan moitas saídas bloqueadas e aprovéitaas ben. Son capaces de xogar a un ritmo moi alto, desde a defensa ou desde o rebote, e á vez son capaces de xogar a un ritmo moito máis longo na media pista, buscando unha opción que che poida facer dano. Creo que é un equipo que xoga moi ben”.

Parte Médico HM Hospitales: Kassius Robertson incorporouse ao grupo e completou unha parte dos últimos adestramentos co equipo. Pepe Pozas segue sendo baixa ao sufrir unha rotura parcial do tendón rotuliano da súa perna esquerda.

ARRIBA