Moncho Fernández: “Demostramos que, facendo ben as cousas e traballando, temos capacidade competitiva”

O Monbus Obradoiro poñerá mañá rumbo a Barcelona, onde disputará o seu próximo compromiso da Liga Endesa, o xoves ás 21:00 horas, na pista do Barça (Movistar Deportes – Dial 53).

O técnico obradoirista, Moncho Fernández, destacou sobre o seu rival que “é un equipo que lanza fantasticamente ben de tres, que a gran maioría deses triplos son asistidos, xerados por un compañeiro ou polo xogo sen balón do equipo. Tácticamente ten un repertorio enorme no que, por exemplo, todos os xogadores poden postear e todos poden tirar de tres. Isto podería resumir grosso modo o que é o Barça. E todo iso dotado dun poderío físico enorme e dunha capacidade incrible de todos os xogadores. Sempre falo da polivalencia dos equipos e creo que o Barça é o mellor exemplo. Pódeste atopar ata a cinco xogadores xogando de base no mesmo partido ou catro ou cinco xogadores xogando como pívots. Isto fai que sexan o equipo que está a cultivar os resultados que coñecemos”.

Moncho explicou que “tentaremos explotar as virtudes que temos e tentaremos minimizar os nosos defectos fronte a un equipo que é o líder da Liga Regular en Euroliga e segundo en Liga Endesa. É un dos equipos máis en forma do continente. Demostramos que, facendo ben as cousas e traballando, temos capacidade competitiva para pelexar contra os grandes equipos desta Liga. E aí é onde temos que fixarnos. En que se facemos ben as cousas somos capaces de estar nos partidos ata o final, que é o obxectivo contra estes equipos: chegar vivos ao final e ter a oportunidade de levarche a vitoria”.

Parte Médico HM Hospitales: Laurynas Birutis torceuse o nocello dereito no adestramento desta mañá. Pepe Pozas segue sendo baixa ao sufrir unha rotura parcial do tendón rotuliano da súa perna esquerda. O resto de xogadores están dispoñibles para poñerse ás ordes de Moncho Fernández.

ARRIBA