O Monbus Obradoiro pon en marcha o VIII Campus Obradoiro Jealsa

O Monbus Obradoiro presentou a segunda actividade estival, o VIII Campus Obradoiro Jealsa, que terá lugar no Concello de Boiro do 5 ao 9 de xullo.

Esta mañá coñecéronse os detalles desta oitava edición nunha rolda de prensa que tivo lugar no Concello de Boiro e na que estiveron presentes o alcalde e o concelleiro de Deportes, José Ramón Romero e Marcos Fajardo; a directora de relacións institucionais de Jealsa Rianxeira, Margarita Hermo; o membro do Consello de Administración do Monbus Obradoiro, Óscar Rodríguez; e o director de márketing e comercial, Daniel Agra.

O concelleiro de Deportes destacou que “presentamos unha actividade deportiva, esta vez dedicada ao baloncesto. Desde o Concello apostamos polo deporte, as empresas de aquí tamén o fan e todos xuntos conseguimos unha estrutura deportiva que se ve reflectida ano tras ano en éxitos deportivos en todos os ámbitos. Esperamos que esta nova edición sexa todo un éxito, que os pequenos gocen e aí estaremos para apoiar e gozar deste evento un ano máis”.

Óscar Rodríguez presentou este VIII Campus Obradoiro Jealsa: “Hoxe presentamos nin máis nin menos que a oitava edición deste campus. Como o verán pasado non se puido realizar pola pandemia, desde o club estamos máis ilusionados e con máis ganas que nunca de poder volver a Boiro con esta actividade tan especial. Este campus completa cada verán as súas prazas en tempo récord. Na última edición, a de 2019, esgotáronse en pouco máis de 24 horas, o que confirma a calidade e diversión da actividade”.

O membro do Consello de Administración do Monbus Obradoiro continuou explicando que “este éxito non é só noso porque sen o apoio do Concello de Boiro e Jealsa non estariamos a falar desta consolidación. Por iso, quero dar as grazas ao Concello de Boiro, polas facilidades para a organización e a cesión das instalacións, e a Jealsa, por ser un dos patrocinadores principais deste evento tan especial. Grazas a ambos por seguir apostando ano tras ano por actividades de formación como esta, tan importantes para os obradoiristas máis pequenos”.

Daniel Agra deu os detalles da actividade: “É un pracer poder presentar un novo campus, que xa é referencia na zona do Barbanza e contamos coa colaboración do CB Santa Baia e o apoio de Jealsa e o Concello de Boiro desde a primeira edición. Este ano adaptaremos a actividade ao protocolo COVID que indica Deporte Galego e que irá adaptándose ás circunstancias sanitarias actuais. O campus está dirixido a mozos de entre 6 e 18 anos, abarcando todas as categorías desde Babybasket ata Junior e celebrarase entre o 5 e o 9 de xullo, en horario de 09:30 a 14:15 horas. A actividade desenvolverase nos pavillóns de Santa Baia, A Cachada e Barraña”.

Margarita Hermo engadiu que “parece que foi onte cando empezamos cun proxecto para traer a Boiro un campus de baloncesto da man do único equipo de Galicia na Liga Endesa. Foi un privilexio que confiásedes en nós e agradecemos seguir oito anos despois aquí. Isto é posible porque sodes un gran club e confiades moito na canteira e en promover o deporte. O agarimo que se vos ten en toda Galicia é xustificado e moi merecido. Todos os anos quedo sorprendida coa cantidade de nenos e nenas que se apuntan, das boas impresións que levan e o ben que llo pasan. Aprenden a xogar ao baloncesto e conviven. Porque este campus non é só aprender a xogar a baloncesto, é aprender a convivir e traballar en equipo nun enclave incrible”.

O encargado de clausurar o acto foi o alcalde de Boiro, que deu as grazas “por contar con Boiro un ano máis para formar aos nosos nenos, non só a nivel deportivo senón tamén ensinándolle valores. O deporte é fundamental para todos. Desde o Concello estamos aquí para o que necesitedes”.

Todos os interesados en asistir ao campus deben encher o formulario de inscrición e realizar o abono da matrícula a través dunha transferencia bancaria (ES23 2080 0375 1930 4001 8467) ou nas oficinas do club solicitando cita previa.

Posteriormente débese enviar a ficha de inscrición e o xustificante bancario do ingreso ao seguinte correo electrónico (campusboiro@obradoirocab.com).

Os prezos oscilan entre os 110 e os 130 euros e os federados/ XOGADE, abonados ou accionistas, membros da Fundación Heracles, membros da canteira ou segundo irmán rexistrado poderán optar a diferentes tipos de descontos ofrecidos pola Fundación Heracles.

Todos os rexistrados recibirán un cobre, camiseta reversible e pantalón do campus, así como unha mochila e o balón oficial do Monbus Obradoiro. Haberá dispoñible un autobús Santiago – Boiro que sairá de Sar ás 08:30 horas.

Máis información: 617 999 287 ou campusboiro@obradoirocab.com.

ARRIBA