O arranque do Baskonia decanta o encontro ante un Monbus Obradoiro sen acerto exterior (91-70)

O Monbus Obradoiro non foi capaz de frear o intenso arranque do Baskonia, que conseguiu unha renda de 19 puntos no primeiro cuarto que condicionou o encontro, a pesar de recompoñerse os obradoiristas nos últimos 30 minutos de partido (91-70).

Primeiro cuarto baskonista

Os galegos sabían que debían igualar a batalla física se querían ter opcións no Buesa Area. Pero os locais non llo permitiron, arrincando o partido cun gran nivel ofensivo e defensivo que sacou aos obradoiristas do partido.

Os de Dusko Ivanovic conseguiron unha ampla vantaxe grazas ao acerto exterior (4/5 en triplo) e interior (da man de Costello e Nnoko) que sería difícil de recuperar (28-9).

Borrón e conta nova

A pesar da gran diferenza no electrónico, os obradoiristas non se deixaron ir e levantáronse para tratar de evitar que o Baskonia ampliase aínda máis a renda.

O Monbus Obradoiro atopou as súas vantaxes en ataque a través de Birutis, Beliauskas, Álex Suárez e Ellenson para impoñerse no parcial deste segundo cuarto (19-20), pero sen conseguir achegarse no marcador que continuaban dominando os locais grazas ao seu xogo en transición e o seu xogo interior (47-29).

Un 5/31 en triplo

Se algo non permitía aos obradoiristas achegarse no marcador foi o 5/31 en tiros de tres puntos. Os de Moncho Fernández atopaban situacións de vantaxe, lanzando moitos dos triplos sós, pero sen conseguir anotar.

E, precisamente, no outro lado da pista, vivíase todo o contrario. Os azulgrana mantiveron o nivel de acerto exterior co paso dos minutos, permitindo defender esa vantaxe local, levándoa mesmo aos 27 puntos (69-42, min. 33).

Sen cambios finais

Os instantes finais do partido transcorreron baixo a mesma dinámica, destacando Ellenson, que anotou 7 puntos consecutivos, mentres Zurbriggen achegaba intensidade en ataque da man de varias penetracións a canastra. Os locais cortaron a reacción dos galegos da man de Granger desde o triplo e a vitoria quedou no Buesa Area por 91 a 70.

 

O Monbus Obradoiro regresa a Santiago para preparar o seu próximo compromiso da Liga Endesa. Os obradoiristas reciben este sábado, ás 18:00 horas, ao UCAM Murcia.

 

FICHA TÉCNICA

Baskonia 91: Granger (14), Giedraitis (16), Fontecchio (12), Costello (8) e Nnoko (12) -cinco inicial-, Marinkovic (11), Enoch (2), Baldwin (14), Sedekerskis (2), Kurucs (-) e Barrera (-).

Monbus Obradoiro 70: Hobbs (-), Scrubb (4), Beliauskas (17), Álex Suárez (8) e Birutis (14) -cinco inicial-, Zurbriggen (10), Ellenson (12), Robertson (3), Oliver (-), Muñoz (2), Filipovity (-) e Okouo (-).

Parciais: 28-9, 19-20, 27-20 e 17-21.

Árbitros: Carlos Cortes, Sergio Manuel e Fabio Fernández.

Incidencias: Partido correspondiente á xornada 5 da Liga Endesa, disputado no Fernando Buesa Arena ante 5.612 espectadores.

ARRIBA