O Monbus Obradoiro retirará o dorsal 14 en honra a Tonecho Lorenzo no partido do sábado ante UCAM Murcia

Este sábado o Monbus Obradoiro dará o pistoletazo de saída ás accións pendentes de celebración con motivo do 50 Aniversario do club.

E comezará ao grande, tal e como se prometeu no seu momento, coa retirada da camiseta co número 14 de Tonecho Lorenzo, por ser unha desas persoas que representan que foi, que é e que será o Obradoiro.

Tonecho Lorenzo non só foi xogador durante sete anos no club obradoirista, senón que tamén completou catro como adestrador axudante, tres como responsable de canteira e un como responsable de prensa.

Así, todos os asistentes ao encontro deste sábado, no que o equipo recibe ao UCAM Murcia, serán partícipes da homenaxe inicial que se lle realizará a un histórico como Tonecho Lorenzo e, como non podía ser doutra forma, verán como a súa camiseta colga do teito do Multiusos Fontes do Sar.

Tonecho mostrouse agradecido ao club “por ter este detalle tan grande. E á vez danme un pouco de vergoña estas cousas. Prefiro estar a xogar ante 5.000 persoas. Sempre digo que esta retirada merécea máis xente, tanto ou máis que eu, porque este é un deporte colectivo no que hai que premiar ao grupo”.

Se bota a vista atrás, a lenda obradoirista asegura que “naquel momento non me imaxinaba que retirarían o meu dorsal nin que o club cumpriría 50 anos. Isto é unha sorpresa no sentido de que, por aquel entón, no 1970, non esperabas que no 2020 estariamos a celebrar o cincuentenario e que me farían esta homenaxe. Non mo esperaba”.

ARRIBA