Moncho Fernández: “Temos que ser capaces de igualar a intensidade do UCAM Murcia”

O Monbus Obradoiro disputa un novo encontro da Liga Endesa este sábado, ás 18:00 horas, recibindo ao UCAM Murcia.

Sobre o seu próximo rival, Moncho explicou que “todo empeza polo verán, mantendo ao adestrador e a dez xogadores do ano pasado. As dúas incorporacións son xente como McFadden e Chris Czerapowicz, con moitísima experiencia, coñecedores da Liga e con moita calidade ambos. Seguen Taylor, Davis, Vermellas, Radovic, Cate, Lima… Sempre falamos da continuidade como valor e son un claro exemplo”.

Se algo destacaría Moncho dos murcianos é “a súa agresividade, tanto no aspecto defensivo como ofensivo. Son o equipo da Liga que máis faltas recibe e o que máis faltas fai. Non teñen medo de gastar a falta. Creo que iso é un espello no que debemos reflectirnos. Son moi duros”.

E cales son os puntos fortes do xogo ofensivo e defensivo dos de Sito Alonso? “É un equipo moi vertical no xogo ofensivo. Tamén é un dos equipos que mellor xoga a ritmo alto. O seu cociente de puntos por posesión é das máis altas da liga. Teñen moi claro a que queren xogar en cada momento, cun baloncesto moi intelixente e vistoso. Son un dos mellores equipos que mellor tira de tres da liga e que máis puntos anota na zona restrinxida. Defensivamente son un equipo moi físico e agresivo. Tamén son un dos mellores no rebote ofensivo da liga, por iso volvo falar da agresividade nas accións, da intensidade, da loita, da pelexa… Están a facelo moi ben”, detallou o técnico obradoirista.

O adestrador compostelán insistiu en que “temos que ser capaces de igualar esa intensidade e espero que tamén teñamos máis acerto que o que tivemos o pasado domingo, porque foi un factor fundamental. É evidente que para pelexar contra equipos tan bos como os que hai na Liga Endesa o nivel físico, a loita, a pelexa e non recibir canastras fáciles en 1x1, debería ser algo innegociable e deberiamos aprender e mellorar”.

Este encontro será, sen dúbida, dos máis especiais en Sar xa que o club comezará a levar a cabo as accións de celebración do 50 aniversario e a primeira delas será retirar o dorsal 14 en honra a Tonecho Lorenzo.

Moncho destacou que “hai poucas palabras para expresar o que é Tonecho para nós e para todo o obradoirismo. É unha persoa que representa perfectamente todos os valores dos que queremos facer cultura neste club, empezando pola humildade porque sempre foi unha persoa que escapou deses eloxios. Ademais, é o que mellor representa o noso ‘Todos Xuntos’. Destacaría del, por riba de todo, o seu optimismo e positivismo sempre. El sempre ve o vaso medio cheo, aínda que só teña unha pinga de auga. Sempre pensa que as cousas van ir ben. E creo que, ademais, funcionou como unión entre o vello obradoirismo e o novo”.

O técnico obradoirista confesou estar “moi contento por un amigo, como é Tonecho para min, e sobre todo por un símbolo como el, polo que significa para este club. Vai ser moi emocionante cando a camiseta colgue no alto do pavillón porque, como ben di el, non só será a camiseta de Tonecho, senón a de todos aqueles que no seu día fixeron que o Obradoiro nacese como club e que, nos momentos máis difíciles, estiveron dispostos a facer o que fixese falta para que hoxe en día esteamos aquí”.

Parte Médico HM Hospitales: Todos os xogadores están dispoñibles para poñerse ás ordes de Moncho Fernández.

ARRIBA