O Monbus Obradoiro recupera a súa visita á Catedral e tradicional ofrenda ao Apóstolo Santiago

Se hai unha visita que xa é tradición para o persoal do Monbus Obradoiro é a da Catedral e a ofrenda ao Apóstolo Santiago.

Agora que aos poucos vaise recuperando a tan anhelada normalidade previa ao COVID-19, o club recuperou a súa tradicional visita para coñecer así en persoa ao novo Deán da catedral, José Fernández Lago.

O acto iniciouse coa lectura, realizada nesta ocasión polo adestrador axudante do Monbus Obradoiro, Gonzalo Rodríguez, e seguiulle Raúl López, presidente do club, quen realizou a ofrenda para pedir ao santo a súa protección e apoio nesta nova tempada, acompañado de Óscar Rodríguez, conselleiro do club.

Raúl dedicou unhas palabras de agradecemento e rogos ao Apóstolo Santiago: “Regresar agora aquí é máis especial ca nunca ao ser Ano Santo. Nós tamén celebramos que conseguimos superar 51 anos de historia como club e, despois do vivido, poder estar aquí celebrándoo contigo é un logro incrible. Sempre atopamos en ti o alento para superar retos, así como para facernos fortes ante as dificultades que nos atopamos no camiño. Queremos seguir facendo nosos (e nunca renunciar a eles) os teus valores de humildade, afán de superación, solidariedade, sabedoría, traballo en equipo, espírito de loita e respecto ao próximo. Grazas por ser un exemplo para nós e para os peregrinos do mundo enteiro”.

O presidente obradoirista destacou que “aínda que non podemos realizar o tradicional abrazo por esta situación, o que si che prometemos é que seguiremos lucindo con orgullo o teu nome e o da nosa terra alá onde nos leve este equipo e este club. Grazas, Apóstolo Santiago, por permanecer sempre ao noso lado e guiarnos pola senda correcta para nunca perder o norte, axudarnos a non rendernos e conseguir os nosos obxectivos con serenidade e éxitos”.

Pola súa banda, o Deán da Catedral, dedicou tamén unhas palabras ao equipo: “Éncheme de satisfacción eses 51 anos de historia do club, esa continuidade. É admirable poder manter algo cando uno non ten o orzamento doutros equipos. Facedes o que podedes e máis porque eu creo que a uns e outros vos move o sentirvos solidarios e apoiarvos constantemente. Cando un quere apoiar a outro, crécese en equipo”.

O Deán detallou que “aínda que veñades de lugares moi afastados, non vos sintades estranxeiros nin forasteiros. Sentídevos irmáns dos outros porque se o Señor nos chama a ser todos irmáns, canto máis os que tedes un proxecto común, toca axudarse entre todos. Douvos moito ánimo e pídolle ao Apóstolo que estea ao voso lado e que vós sintades orgullosos de formar parte deste equipo de Santiago, lugar no que termina o Camiño, lugar onde quixo vir o Apóstolo e lugar onde repousan os seus restos”.

Unha imaxe que sempre chama a atención nesta visita é a cara de sorpresa dos novos e a cara de ilusión dos que repiten durante o funcionamento do Botafumeiro, unha experiencia que sen dúbida levarán para sempre con eles.

Raúl López e Moncho Fernández entregaron ao Deán unha camiseta asinada por todo o persoal para darlle as grazas polo seu recibimento.

O persoal ao completo visitou tamén o Sepulcro apostólico, onde descansan os restos do Apóstolo, e gozou do Pórtico da Gloria, entrada occidental da catedral románica ideada polo Mestre Mateo, que se someteu a unha profunda e complexa restauración entre 2008 e 2018.

ARRIBA