Moncho Fernández: “Mañá imos dalo todo. Queremos estar á altura de todo o que se vai a vivir en Sar”

O Monbus Obradoiro – Valencia Basket estará patrocinado por Limpezas Salgado

O Monbus Obradoiro despedirá a tempada 2021/22 na Caldeira, ante a súa afección, recibindo ao Valencia Basket (20:45 horas), nun partido que estará patrocinado por Limpezas Salgado, membro do Club de Empresas Obradoiro.

O director de márketing do Monbus Obradoiro Daniel Agra deu as grazas a Limpezas Salgado “por seguir sendo parte fundamental da familia obradoirista e apoiarnos nos bos e non tan bos momentos. O partido desta fin de semana estará patrocinado por Limpezas Salgado e conta cos activos promocionais habituais. No partido celebraremos con toda a nosa afección a permanencia, que significa que o noso club militará por 12º tempada consecutiva na Liga Endesa. E este é un dato histórico para nós, pero tamén para Limpezas Salgado xa que leva as mesmas tempadas vinculados ao noso club. Moitísimas grazas polo voso apoio”.

O propietario da empresa Ramón Salgado manifestou a súa “alegría por conseguir de novo o noso título. Grazas a Moncho, ao equipo e a todos os que forman a familia obradoirista. Entre todos conseguiuse o obxectivo. Estou moi contento porque conseguimos o obxectivo en Badalona e mañá no partido patrocinado podemos celebralo. Grazas ao club tamén por toda a boa disposición e relación destes anos”.

Sobre o seu próximo rival, Moncho destacou que o Valencia Basket “é un equipo que conta con grandes xogadores no seu persoal. Destacaría que son un dos equipos que, desde o punto de vista ofensivo, está a xogar a un nivel altísimo con moitísimo acerto. Conta con moita polivalencia porque son capaces de xogar con moitas estruturas onde non só Claver pode estar no 3, senón que tamén poden poñer a Labeyrie no 3, con Rivero, Dubljevic... Teñen moita polivalencia táctica porque os seus xogadores téñena, están a tirar excepcionalmente ben de tres. É un equipo que nos vai a esixir tanto como sempre esixe o Valencia”.

Preguntado por como será este último partido ao estar xa salvados de forma matemática, o técnico obradoirista explicou que “os xogadores son especiais non só polas habilidades baloncestísticas, senón porque son competidores de primeiro nivel e teñen a fortaleza mental para afrontar a competición en circunstancias moi difíciles. Temos que ser coherentes con iso e mañá temos un partido, o último da tempada na nosa casa, cunha chea de circunstancias especiais que se van a dar, como a retirada de Albert, conseguir a permanencia... É o mellor colofón a unha tempada que seguro que lembrades como empezou, con moi pouca xente na bancada, o covid, as baixas por enfermidade... Vai facer un día fantástico, o pavillón vai estar a rebordar, o ambiente vai ser fantástico e queremos estar á altura diso, queremos gañar na nosa casa. E, para iso, temos que adestrar, traballar e dalo todo e estou convencido de que o imos a facer, aínda que xa esteamos salvados matematicamente”.

Parte Médico HM Hospitales: Fer Zurbriggen continúa sendo baixa por unha forte contractura nas costas.

ARRIBA