O Monbus Obradoiro celebra a permanencia nun partido vibrante contra Valencia Basket (85-89)

Acabouse a tempada para o Monbus Obradoiro con festa das grandes no Fontes do Sar.

Non foi completa por un suspiro, o que lle faltou ao equipo galego para culminar con vitoria unha remontada apoteósica contra o Valencia Basket nunha tarde na que o obradoirismo puido gozar e celebrar que, o ano que vén, seguirá habendo baloncesto de elite en Santiago.

Albert Oliver, o gran protagonista

O base do Monbus Obradoiro foi un dos xogadores máis aclamados durante toda a tarde. Xa nas presentacións Sar veuse abaixo cando apareceu o seu nome no videomarcador. Pero no minuto seis, cando se parou o partido para renderlle homenaxe, as emocións estiveron a flor de pel.

O presidente do Monbus Obradoiro, Raúl López, fíxolle entrega dunha camiseta conmemorativa, e o capitán do Valencia Basket, Víctor Claver, entregoulle un detalle con fotos do seu paso polo club. A súa familia acompañouno a pé de pista, antes de que tomase o micrófono e agradecese á afección o apoio e o agarimo destas dúas tempadas.

Thomas Scrubb, o soldado silencioso que se converteu en MVP

O aleiro canadense foi outro dos nomes propios, ao recibir o Trofeo Estrella Galicia ao MVP do Monbus Obradoiro esta tempada. Thomas brillou en practicamente todos os partidos, en moitos deles dunha forma discreta, pero sempre presente en todas as frontes. Incansable en defensa, como o partido no que lle tocou xogar os 40 minutos, batallador no rebote, agresivo en ataque e valente no triplo, acabou por ser un xogador capital na consecución da permanencia.

O Miudiño e Sweet Caroline para un fin de festa ao grande

Probablemente sexan os dous grandes temas musicais desta tempada para o obradoirismo. O Miudiño, o himno dos santiagueses, non faltou ao final do partido, con xogadores e corpo técnico cantándoo coa afección, por última vez na tempada. E o Sweet Caroline, a canción que soou en Sar con cada vitoria do Monbus Obradoiro, puxo o broche de ouro á festa, bailada por todos sobre o parquet de Sar.

Dubljevic e Van Rossom castigan ao Monbus Obradoiro

Antes da festa final, e despois das homenaxes a Scrubb e Oliver, houbo un partido de baloncesto entretido, con idas e voltas. Valencia Basket gobernou desde o arranque con Van Rossom (16 puntos) e Dubljevic (22 puntos, 33 de valoración) como líderes.

Na primeira parte os dous equipos fixeron a goma, pero os taronja romperon o encontro no terceiro cuarto, con vantaxes de máis de 15 puntos.

A fe obradoirista para unha remontada incríble

Aínda así, o Monbus Obradoiro non se deixou ir. Tirou de garra e levantou o partido nun último cuarto máxico, ao ritmo de Phil Scrubb e cunha gran defensa, para remontar o partido e soñar con gañalo. Os locais entraron nos compases finais por diante, pero un par de malas decisións en ataque, e os tiros libres, terminaron decantando a vitoria para o equipo de Peñarroya (85-89).

O Monbus Obradoiro despediuse da súa afección dando unha boa imaxe e, sobre todo, celebrando que, un ano máis, se conseguiu o título da permanencia.

 

FICHA TÉCNICA:

Monbus Obradoiro 85: Hobbs (5), Robertson (18), Scrubb (17), Suárez (9), Birutis (4) – quinteto inicial – Vicedo (2), Okouo (8), Oliver (0), Ellenson (5), Beliauskas (0), P. Scrubb (15) e Muñoz (2).

Valencia Basket 89: Van Rossom (16), Hanlan (5), Puerto (2), Pradilla (6), Dubljevic (22) – quinteto inicial – Dimitrijevic (8), Claver (3), López-Arostegui (9), Ferrando (0), Bressan (-). Rivero (11) e Labeyrie (7).

Árbitros: Juan Carlos García González, Francisco Araña e Javier Torres.

Parciales: 20-29, 22-19, 18-26 e 25-15.

Incidencias: Partido correspondente á jornada 34 de la Liga Endesa, disputado no Fontes do Sar, ante 4.967 espectadores.

ARRIBA