O Monbus Obradoiro celebra o final de tempada en Milongas Parrillada

O Monbus Obradoiro puido recuperar unha das súas tradicións: celebrar a permanencia e o final de tempada nunha cea que reúne ao persoal, os membros do Consello de Administración e empregados do club.

E este ano fixérono en Milongas Parrillada, membro do Club de Empresas Obradoiro e colaborador da canteira do club.

Despois de probar o menú preparado polo equipo de Milongas, o presidente do Consello dirixiuse aos asistentes: “Botabamos en falta poder reunirnos todos nesta tradicional cea. Grazas a Milongas por facelo posible e tratarnos así de ben. Foi un ano moi duro, por iso quero dar as grazas a todos polo compromiso e o esforzo. Estou seguro de que agora nos botaremos de menos porque somos unha familia. Algúns teremos reencontro á volta do verán, pero o que quedou claro é que a plantilla deste ano contou con grandes profesionais cunha incrible calidade humana. Moitas grazas a todos por axudarnos a conseguir unha tempada máis o noso obxectivo”.

O adestrador Moncho Fernández destacou que “se me teño que quedar só cunha cousa desta tempada sería a unión. Superamos moitas lesións, o covid e moitas dificultades. E fixémolo todos xuntos. Creo que somos un exemplo da palabra que leva tatuada no brazo o noso capitán Álvaro, ‘resiliencia’. Conseguímolo. Moitas grazas a todos, aos que estamos nos focos, pero tamén aos que traballan na sombra”.

ARRIBA