O Monbus Obradoiro pon en marcha a novena edición do Campus Obradoiro Jealsa no Concello de Boiro

O Monbus Obradoiro presentou os detalles da primeira actividade estival, o IX Campus Obradoiro Jealsa, que terá lugar entre o 27 de xuño e o 2 de xullo.

Esta mañá o Concello de Boiro acolleu a rolda de prensa de presentación, na que estiveron presentes a concelleira de Deportes, Dores Torrado; a directora de relacións institucionais de Jealsa Rianxeira, Margarita Hermo; o coordinador deportivo e vicepresidente do CB Santa Baia, Guillermo Outeiral; o xogador do Monbus Obradoiro, Fer Zurbriggen; e o director de márketing e comercial, Daniel Agra.

Daniel quixo comezar destacando que “hai un ano estabamos nesta mesma sala anunciando que, por fin, despois de moitos meses de incerteza, podiamos retomar o noso campus de verán e reencontrarnos cos nosos obradoiristas máis pequenos. Un ano despois, a situación vai mellorando e non podemos estar máis felices de contarvos os detalles da novena edición do noso campus máis lonxevo que, como sabedes, completa cada verán as súas prazas en tempo récord”.

O director de márketing continuou explicando que “o éxito deste campus é grazas a axuntar os esforzos de moitas entidades. Sen o apoio do Concello de Boiro e de Jealsa non estariamos a falar desta consolidación. Por iso, desde o club queremos dar as grazas ao Concello de Boiro, polas facilidades para a organización e a cesión das instalacións, e a Jealsa, por ser un dos patrocinadores principais deste evento tan especial. Grazas a ambos por seguir apostando ano tras ano por actividades de formación como esta, tan importantes para os obradoiristas máis pequenos. Tampouco nos podemos esquecer do agradecemento ao CB Santa Baia, porque co seu apoio loxístico e formativo facemos que este campus sexa mellor”.

Guillermo Outeiral detallou que “esta é a novena edición do campus e a novena ocasión na que o Santa Baia colabora co club compostelán para a realización deste campus. Gustaríame agradecer ao Concello de Boiro e a Jealsa polo apoio e aposta ao deporte base no concello. E grazas ao Monbus Obradoiro con contar e confiar un ano máis en nós para realizar este campus. Estamos seguros de que esta novena edición será un éxito, igual que foron as oito anteriores”.

Pola súa banda, Fer confesou que “todos os xogadores temos desde a nenez o desexo de crecer e compartir vivencias como as deste campus, moito máis alá de converternos en xogadores profesionais. No meu caso participei en máis de 10 ou 12 campus en distintas rexións de América Latina. Paréceme moi importante algo que se recalcou, que é o de unir a toda a comunidade galega grazas ao baloncesto e sentimento polo deporte. Que haxa institucións públicas e privadas que se comprometan con isto é moi importante, moito máis alá de se acabarán sendo deportistas profesionais ou non. Ademais, un campus como este é importantísimo agora mesmo porque aínda temos esa secuela do Covid de manifestarnos humanamente, compartir experiencias cos demais e convivir. Son necesarias”.

Margarita Hermo explicou que “é un privilexio contar por noveno ano consecutivo cun campus organizado por un club acb, que moitas veces esquecémonos de que o Monbus Obradoiro está na elite. Que un club como este decida organizar un campus para as categorías base en Boiro é moi de agradecer. E estou segura de que volverá ser un éxito. Boiro ten unha sociedade moi activa e temos grandes directivas que están a facer un labor moi importante, como é o club Santa Baia, sen os que non sería posible realizar esta actividade. Contamos con instalacións e un enclave privilexiado no que os nenos non só poden facer deporte, se non tamén gozar das nosas praias, paisaxes e paseos. Para Jealsa, impulsar a práctica do deporte entre os máis pequenos foi e seguirá sendo unha das accións máis importantes. O deporte non é só diversión, se non tamén ensinar a vivir dunha forma sa e ensinar a compartir e traballar en equipo, valores que son tan importantes para a educación dos máis pequenos”.

A encargada de clausurar o acto foi Dores Torrado que resaltou “as catro patas que poñen todo o sentimento e o convencemento para sacar isto adiante. A primeira delas, as entidades deportivas e os seus deportistas. A segunda as familias, apoiando e promovendo que os seus pequenos practiquen deporte no concello. A terceira, as empresas que destinan unha parte importante do seu orzamento para apostar polo deporte. E, por último, as institucións. Cando se xuntan estas catro patas fanse cousas moi grandes, como este Campus de Boiro que se celebra no noso Concello nunha semana moi importante de transición entre o final do curso escolar e o inicio doutras actividades, facilitando así a conciliación familiar”.

Información do IX Campus Obradoiro Jealsa

Este verán recupérase o horario de mañá e tarde, polo que os rexistrados realizarán a actividade entre as 10 e as 14 horas e as 16 e as 19:45 horas e estarán divididos entre os pavillóns de Barraña, A Cachada, Santa Baia e Praia Xardín.

Ademais, contaremos, como nas edicións anteriores, con servizo de autobús Santiago-Boiro con saída desde Sar.

Todos os nenos e nenas de entre 6 e 18 anos interesados en asistir ao campus deben encher o formulario de inscrición e realizar o abono da matrícula a través dunha transferencia bancaria (ES23 2080 0375 1930 4001 8467). A continuación, débese enviar a ficha de inscrición e o xustificante bancario do ingreso ao seguinte correo electrónico (campusboiro@obradoirocab.com). Aqueles que prefiran realizar este trámite nas nosas oficinas, poden facelo a partir do luns.

Os federados, abonados ou accionistas do Obra, Amigos da Fundación Heracles, xogadores do Club Santa Baia e Jealsa, así como para os xogadores da canteira obradoirista e segundos irmáns, poderán optar a diferentes tipos de descontos ofrecidos pola Fundación Heracles.

Todos os rexistrados recibirán un cubre, equipamento reversible e mochila do campus, así como o balón oficial do Monbus Obradoiro e unha invitación para o primeiro partido da tempada 2022/23 e desconto en entradas para os seus pais.

Máis información: 617 999 287 ou campusboiro@obradoirocab.com.

ARRIBA